Carlos Gil: "Queremos poñer a A Mariña e Ortegal no mapa da riqueza submarina"

A relación de Carlos Gil co mar comezou cando era neno, moito antes de que a bioloxía mariña se convertese na súa profesión. En Foz, a súa familia estaba estreitamente vinculada ao mundo do mar. Os seus avós eran os propietarios do restaurante El Descanso, un establecemento moi coñecido na localidade, polo que o peixe, o marisco e os animais mariños formaron parte da súa vida desde pequeno.
"Na casa sempre estivemos rodeados de peixe, de marisco, de animais do mar, que sempre me chamaron a atención", explica. A curiosidade foi medrando coas visitas á praia e cos primeiros contactos co medio mariño. "Sempre baixabamos á praia, a xogar nas charcas, coñecer o medio, comezar a mergullarnos, etc.", lembra.
Aquela afección acabou converténdose nunha vocación. Gil estudou en Santiago de Compostela a especialidade de Bioloxía Mariña e posteriormente completou a súa formación cun máster en Biodiversidade e Conservación. O coñecemento científico e a experiencia directa baixo a auga acabarían confluíndo nunha actividade profesional na que o mergullo e a divulgación ocupan un papel importante.
Agora, o focense acaba de recibir un recoñecemento polo seu traballo audiovisual. O seu curto documental 'Baixo as augas de A Mariña-Ortegal' foi distinguido co Premio Cantábrico do Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián (CIMASUB), precisamente na edición que conmemora o 50 aniversario do certame.
"Había moita expectativa, porque o nivel ao final é moi alto e o noso traballo é algo sinxelo e humilde", sinala. A satisfacción, con todo, foi inmediata. "Foi unha honra recibir o premio", afirma.
RIQUEZA.
O documental nace cunha intención clara: amosar unha parte da costa que permanece oculta para a maioría das persoas. "Ao final, o que queremos é poñer un pouco A Mariña e Ortegal no mapa, sobre todo pola riqueza submarina que temos", explica Gil.

O curto propón unha viaxe desde Ribadeo ata Valdoviño para ensinar a riqueza natural da costa, pero cunha atención especial ao que existe baixo a superficie. Para o biólogo, existe unha importante diferenza entre a paisaxe que se contempla desde terra e a realidade submarina.
"Sempre coñecemos o que hai fóra, e hai moitos reportaxes ou vídeos da beleza que ten a nosa costa e dos puntos de interese, pero hai poucas imaxes, por dicilo así, do fondo do mar", sinala.
A zona presenta, ademais, unhas condicións oceanográficas particulares ao atoparse nun espazo de transición entre o Cantábrico e o Atlántico. Gil destaca as augas frías e ricas en nutrientes e a elevada produtividade dos ecosistemas.
Un dos elementos que máis lle chama a atención son os bosques de algas. "Os bosques de algas somerxidos que temos son o valor ecolóxico máis interesante que temos", asegura. Son ecosistemas nos que se concentra unha gran variedade de especies.
A riqueza que existe baixo a auga pode resultar sorprendente para quen nunca mergullou. Gil explica que os fondos non son necesariamente escuros e uniformes, senón que presentan unha gran diversidade de formas e cores.
Nas zonas máis próximas á superficie poden atoparse algas ata profundidades de 20, 25 ou 30 metros. Máis abaixo, a paisaxe cambia e aparecen esponxas, anemones e corais que cobren as rochas. "Enchen o fondo de verdade de cores moi impresionantes, e a xente sorpréndese moito de que isto estea aquí", relata.
DESCUBRIMENTO.
Entre os lugares que máis interese lle espertan está un baixo situado preto da Praia das Catedrais, coñecido polos pescadores da zona. Precisamente o coñecemento acumulado polo sector pesqueiro permitiu localizar e explorar este espazo. "É un lugar coñecido polos pescadores da zona e comezamos a mergullarnos alí, un pouco polo coñecemento popular", explica. Foi nesa zona onde localizaron hai anos especies de corais catalogadas como vulnerables, o que lle outorgou ao lugar un especial interese biolóxico.

Desde que comezaron a divulgar ese punto, tamén aumentou o interese entre persoas afeccionadas ao mergullo. "Recibimos aquí mergulladores de diferentes lugares que veñen velo", conta.
Para Gil, ese coñecemento local é tamén unha ferramenta importante para seguir explorando a costa. Os pescadores acumulan información sobre baixos, rochas e zonas concretas que permite descubrir novos espazos. "Esa parte de exploración é a que sempre motiva", resume.
O documental pretende precisamente achegar parte dese patrimonio ao público. E, segundo explica, a difusión será ampla: o traballo está previsto que se proxecte en máis de 30 cidades españolas. Para o biólogo, esa oportunidade é tan importante como o propio premio.
"Proxectarase en moitos lugares e vaino ver moita xente", sinala. Tamén considera que o recoñecemento pode abrir novas posibilidades profesionais: "Quizais a raíz disto nos saian máis proxectos e máis colaboracións, quen sabe".
CONSERVACIÓN.
A beleza das imaxes non é o único obxectivo do documental. Gil quere tamén lanzar unha mensaxe sobre a necesidade de protexer os ecosistemas mariños.
"Un dos puntos clave que me gustaría transmitir é a necesidade de conservación que temos", afirma. O biólogo considera que o mar está sometido a diferentes impactos, desde a sobreexplotación ata a contaminación, e lembra que se trata dun sistema cun equilibrio delicado.

Por iso defende a creación de determinadas zonas de protección no mar. "É algo fundamental, como se fixo ou se está facendo en moitos lugares do mundo", sinala. Na súa opinión, noutros lugares xa se están vendo resultados importantes, mentres que aquí "aínda nos queda moito por traballar nese aspecto".
A gravación do documental desenvolveuse ao longo do ano pasado e contou co apoio do GALP Mariña Ortegal. O proxecto requiriu varias xornadas de traballo e unha planificación condicionada tanto polas posibilidades laborais como pola meteoroloxía.
"Fomos facendo diferentes recursos, diferentes tomas, tiñamos tamén un guión do que queriamos gravar e transmitir", explica. O equipo buscou os días con mellores condicións para realizar as inmersións e foi acumulando material ata completar un curto de nove minutos.
O resultado combina imaxes aéreas, terrestres e submarinas para ofrecer unha visión ampla da costa. A intención era precisamente unir esas diferentes perspectivas nunha mesma historia.
FUTURO.
O premio non pecha o proxecto audiovisual de Carlos Gil. Ao contrario, o biólogo xa pensa en novas historias e lugares que explorar. "Todo este tramo de costa, desde O Vicedo ata Ribadeo, ten moitos sitios que me gustaría seguir coñecendo e seguir explorando", explica.

Entre as futuras posibilidades están tamén fenómenos naturais que se producen ao longo do ano. A migración das aves, o paso dos cetáceos, a chegada dos bancos de xarda na primavera ou a presenza do bocarte e posteriormente do bonito son algúns dos procesos que lle gustaría documentar.
"Dependendo das estacións e das correntes pasan cousas diferentes", sinala. A súa intención é seguir contando esas transformacións a través do audiovisual, aínda que recoñece que o fará "con calma".
Gil tamén establece diferenzas entre A Mariña e Ortegal. Considera que a costa de Ortegal é "moi especial", con espazos como Cedeira ou os acantilados da Herbeira, mentres que A Mariña presenta en boa parte unha costa máis accesible e plana, aínda que a paisaxe cambia cara á zona de Xove.
Baixo a auga tamén existen diferenzas. A Mariña presenta unhas características máis próximas ao Cantábrico, mentres que Ortegal ten unha maior influencia atlántica. Unha evolución que preocupa especialmente ao biólogo é a dos grandes bosques de algas.
Co aumento das temperaturas asociado ao cambio climático, observa unha redución progresiva destas comunidades. "Vas vendo unha lixeira desaparición ou redución destas comunidades de algas de gran tamaño", explica en referencia ás laminarias ou carallotes.
En Ortegal, pola influencia dos afloramentos de augas máis frías, estes bosques teñen aínda unha maior presenza. "Aínda atopas eses bosques de algas moito máis grandes que en A Mariña", apunta.
O recoñecemento do CIMASUB permite agora que esa realidade chegue a novos públicos. Pero para Carlos Gil a finalidade segue sendo a mesma que o levou a explorar as charcas de Foz cando era neno: coñecer o mar, mostrar o que agocha e contribuír a que a sociedade valore e conserve unha riqueza que, aínda que permanece baixo a auga, forma parte esencial do territorio.