Cando a beleza tamén fala da guerra

AMariñaXa
Un recuncho de reflexións sobre o infinito universo da cultura
Rebeca-Artigo-outubro'26
11 Oct 2026

Por Rebeca Maseda

Hai noites nas que unha vai á ópera e sae pensando que, polo menos durante  unhas horas, o mundo aínda ten remedio. O pasado 25 de setembro tiven a sorte de  asistir á estrea de Aida de Giuseppe Verdi no Gran Teatre del Liceu de Barcelona e, sen  ánimo de poñerme demasiado melodramática —que para iso xa está Verdi—, debo dicir  que foi unha desas noites difíciles de esquecer.

Aida é unha desas óperas que todo o mundo coñece, aínda que ás veces só sexa  de escoitar algunha vez as famosas trompetas da Marcha triunfal. Pero detrás desa  música tan espectacular hai unha historia bastante menos triunfal. Aida é unha princesa  etíope capturada polos exipcios e convertida en escrava. O seu pai, Amonasro, é o rei  de Etiopía; Radamés, o xeneral exipcio do que Aida está namorada, debe combater  contra o seu propio país. E, por se o asunto non fose xa suficientemente complicado,  aparece Amneris, princesa de Exipto, tamén namorada de Radamés. Amor, guerra,  poder, relixión, patriotismo, escravitude, celos... En fin, que Verdi non se andaba con  pequenas historias domésticas.

A acción sitúase nun Exipto antigo idealizado, nun momento de conflito entre  Exipto e Etiopía. A obra foi composta por encargo para a inauguración do teatro de ópera  do Cairo e estreouse alí en 1871, nun contexto no que Exipto estaba intentando  proxectarse como unha potencia moderna e cosmopolita. E aquí aparece unha desas  curiosidades da historia que me fascinan: unha ópera ambientada na Antigüidade,  escrita por un italiano do século XIX e encargada desde Exipto, que máis de 150 anos  despois segue a falarnos de cousas que, por desgraza, non parecen tan antigas. Porque  Aida fala, sobre todo, de persoas atrapadas en conflitos que lles quedan demasiado  grandes. Aida non escolle ser prisioneira, Radamés non pode separar o amor do seu  deber militar e Amneris vive tamén atrapada nun mundo no que o poder, a posición  social e as convencións pesan máis que os sentimentos. Ao final, todos perden.

A produción presentada no Liceu, a cargo da artista iraniana Shirin Neshat, incidía  precisamente nesa dimensión política e humana. Lonxe de limitarse a reproducir un  Exipto de cartón pedra, a proposta convertía a obra nunha reflexión sobre a guerra, o  autoritarismo, o fanatismo e o conflito entre o individuo e as estruturas de poder. E  claro, unha non pode evitar pensar no presente. Resulta curioso —e tamén bastante  triste— que unha historia escrita no século XIX sobre unha guerra acontecida nun Exipto  imaxinado nos siga resultando tan familiar. Seguimos falando de fronteiras, de  territorios ocupados, de persoas obrigadas a abandonar a súa terra, de relixión utilizada  como instrumento de poder e de gobernos que deciden o destino de milleiros de seres  humanos desde despachos moi afastados do campo de batalla.

Pero se houbo algo que me emocionou especialmente naquela función foi o coro.  ¡Que marabilla! Nesta ópera, o coro ten esa capacidade tan especial para representar a  multitude, o pobo, o exército, os sacerdotes, a sociedade enteira... E cando todas esas  voces aparecen xuntas, perfectamente empastadas, acontece algo difícil de explicar con  palabras. Houbo instantes realmente emocionantes, case místicos. Especialmente neses

momentos nos que a música parece quedar suspendida no aire e unha sente que, de  súpeto, xa non está simplemente escoitando unha ópera, está participando nunha  especie de ritual colectivo. Quizais sexa esa unha das cousas que máis me fascinan da  música: que pode conseguir que centos de persoas estean durante uns segundos  respirando ao mesmo tempo.

O reparto, por suposto, estivo á altura dunha inauguración de tempada destas  características. Anna Netrebko como Aida, Ekaterina Semenchuk como Amneris e Ivan  Gyngazov como Radamés, acompañados por un elenco excepcional, deron vida a uns  personaxes que, máis alá das súas impresionantes voces, conseguiron transmitir toda a  complexidade deste triángulo imposible.

E saín do Liceu pensando que quizais aí está o verdadeiro poder da ópera. En  principio, estamos sentadas nun teatro durante máis de tres horas vendo unha historia  que aconteceu nun lugar e nun tempo afastadísimos de nós. Porén, cando a música  comeza, esas distancias desaparecen. A guerra deixa de ser algo que sucedeu hai miles  de anos, Aida deixa de ser unha princesa etíope e convértese simplemente nunha persoa  que quere volver á súa casa. Quizais por iso seguimos necesitando a arte. Porque  mentres os titulares pasan, as guerras cambian de nome e os poderosos continúan  disputándose territorios, unha melodía pode lembrarnos algo tan sinxelo como que  detrás de cada bandeira, de cada fronteira e de cada estatística hai persoas.

E naquela noite, no Liceu, durante uns instantes, o coro pareceunos lembrar a  todos que, por moito que cambie o mundo, aínda somos capaces de emocionarnos  xuntos.

E non é pouca cousa.

 

0.15112686157227