Camiñantes e Camiños inicia en abril o Camiño Francés en oito etapas ata Compostela

A Asociación Cultural de Sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros porá en marcha este 2026 unha nova proposta de peregrinación a Santiago de Compostela a través do Camiño Francés, que se desenvolverá en oito etapas ao longo dos meses de abril, maio e xuño.
A primeira das rutas terá lugar este sábado, 18 de abril, cun percorrido entre O Cebreiro e Triacastela. A saída está prevista para as 7 da mañá, dando así comezo a unha experiencia que combina deporte, natureza e convivencia.
Segundo explicou o presidente do colectivo, José Manuel Gómez Puente, nesta edición hai xa arredor de 30 persoas inscritas para participar nesta iniciativa. Non obstante, indicou que o prazo segue aberto para quen desexe sumarse ás seguintes etapas, podendo formalizar a inscrición a través do teléfono ou WhatsApp habilitado pola organización.
Desde a asociación sinalan que a elección do Camiño Francés responde á vontade de realizar unha ruta emblemática que permita aos participantes achegarse ao espírito xacobeo e compartir unha experiencia colectiva ao longo de varias xornadas.
Gómez Puente tamén destacou o valor social desta actividade, que cada ano reúne a persoas con intereses comúns arredor do sendeirismo e da cultura do Camiño, fomentando a participación e o compañeirismo.
Por outra banda, o presidente do colectivo quixo agradecer a colaboración da Xunta de Galicia, que apoia a iniciativa facilitando material como gorras e camisetas para as persoas participantes, contribuíndo así ao desenvolvemento desta proposta.