Burela transforma a praza de Rosalía de Castro cunha reforma de preto de 200.000 euros

AMariñaXa
A actuación abrangue uns 825 metros cadrados e permitirá crear unha zona máis accesible con espazos verdes, pérgolas, áreas de descanso, petanca, xogos de mesa e aparcabicis
BURELA---17-DE-SETEMBRO---PRAZA-RÚA-ROSALÍA-DE-CASTRO
17 Sep 2026

O Concello de Burela está a executar a reforma integral da praza situada á altura do número 61 da rúa Rosalía de Castro, unha intervención coa que pretende recuperar un espazo deteriorado e convertelo nunha zona máis accesible e destinada ao encontro, ao lecer e ao descanso da veciñanza.

O proxecto conta cun investimento de 199.060,77 euros, financiado maioritariamente pola Deputación de Lugo a través do Plan Deputación 2025. A institución provincial achega 189.604,47 euros, mentres que o Concello completa o orzamento con outros 9.456,30 euros. A execución dos traballos corre a cargo da empresa Novavial, S.L.

A reforma abrangue unha superficie aproximada de 825 metros cadrados entre a propia praza e a beirarrúa. A intervención permitirá renovar os pavimentos e reorganizar o espazo para ampliar a superficie destinada aos peóns e reducir as barreiras de accesibilidade.

Zonas verdes, sombra e novos espazos de lecer

A futura configuración da praza incorporará zonas verdes e de sombra, dúas pérgolas de madeira e novo mobiliario urbano, ademais de diferentes áreas pensadas para descansar e favorecer a convivencia.

O proxecto contempla tamén a instalación de xogos de mesa, unha zona para practicar petanca e aparcabicis, ampliando así os posibles usos dun espazo que ata agora presentaba un importante nivel de deterioro.

A proximidade da praza á residencia de maiores foi tamén un dos aspectos tidos en conta á hora de deseñar a actuación. O obxectivo é dispoñer dunha contorna cómoda e accesible que poida ser utilizada tanto polas persoas maiores como polo resto da veciñanza.

"Estamos recuperando un espazo que necesitaba unha actuación e transformándoo nun lugar para as persoas", destacou a alcaldesa de Burela, Carmela López.

A rexedora incidiu tamén na dimensión do investimento e na transformación prevista. "É unha reforma importante, de preto de 200.000 euros, que nos permitirá gañar unha praza máis accesible, con zonas verdes, sombra e espazos para sentarse, xogar e compartir tempo", sinalou.

Coa actuación, o Concello busca devolver o protagonismo aos peóns e crear un novo punto de convivencia na rúa Rosalía de Castro, combinando a renovación urbana con zonas de estancia e propostas de lecer adaptadas a diferentes idades.

0.15916609764099