Burela substituirá as doce árbores previstas para conservar nas obras de Arcadio Pardiñas

O Concello de Burela terá que retirar e substituír as doce árbores que inicialmente estaba previsto conservar nas obras de remodelación da avenida Arcadio Pardiñas, no tramo comprendido entre a rúa das Flores e Celso Emilio Ferreiro. A decisión débese aos danos detectados nas raíces durante os traballos de retirada dos parterres.
Segundo explica o goberno local, baixo a superficie apareceron restos de materiais de construción que impediron que as raíces se desenvolvesen en profundidade. Esta circunstancia provocou que medrasen principalmente en sentido lateral, cunha capacidade limitada para asentarse no terreo.
A intervención sobre os parterres afectou parte desas raíces, unha situación que compromete tanto a estabilidade como a viabilidade dos exemplares. Por este motivo, o Concello decidiu modificar a previsión inicial e proceder á súa retirada, unha circunstancia que comunicou antes de executar os traballos para informar a veciñanza das razóns polas que este tramo quedará temporalmente sen árbores.
A administración municipal asegura que os doce exemplares serán substituídos por novas árbores, que se plantarán cando chegue a época máis adecuada para garantir o seu arraigamento.
A elección das especies terá en conta as características específicas da avenida, como a exposición ao nordés, o espazo dispoñible para o crecemento das raíces, a proximidade dos edificios e a convivencia coas beirarrúas e cos servizos soterrados.
Tamén se valorará o porte que alcanzarán os novos exemplares na súa etapa adulta, co obxectivo de adaptalos ao espazo urbano e evitar que o seu tamaño afecte á entrada de luz natural nas vivendas.
O Concello agradece a colaboración e a paciencia da veciñanza e dos establecementos comerciais da zona durante o desenvolvemento das obras, así como a comprensión polas molestias que están a ocasionar.