Burela reúne centos de persoas no congreso sobre pesca sostible e consumo responsable

A Casa da Cultura de Burela foi escenario da celebración do Congreso da infancia e a adolescencia centrado na sustentabilidade da actividade pesqueira e no consumo responsable, unha iniciativa promovida pola Fundación Expomar co apoio do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e da Xunta a través do GALP A Mariña-Ortegal.
A cita, enmarcada no proxecto ‘Xeración Peixe’, reuniu ao longo da xornada a centos de participantes entre alumnado, profesorado e público xeral, cun programa que combinou propostas formativas, divulgativas e lúdicas arredor do mar e da súa importancia para o territorio.
O concelleiro do Mar de Burela, Ramiro Fernández, foi o encargado de abrir o encontro, animando ao alumnado a aproveitar unha xornada pensada especialmente para eles como protagonistas. Pola súa banda, a alcaldesa e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, puxo en valor a identidade mariñeira da vila, lembrando que o mar forma parte esencial da súa historia e do seu presente.
Tamén participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, quen destacou a relevancia de fomentar hábitos de vida saudables entre a mocidade e garantir o futuro do sector pesqueiro. Neste sentido, incidiu na importancia de promover o consumo de peixe e marisco como base dunha dieta equilibrada e saudable.
O congreso contou coa presenza de representantes institucionais e do sector, entre eles membros do GALP A Mariña-Ortegal, da Xunta de Galicia e da corporación municipal, así como integrantes da confraría de pescadores e do padroado da Fundación Expomar.
Durante a mañá desenvolveuse un amplo programa de actividades, coa presentación do traballo realizado nos últimos meses no marco do proxecto, incluíndo investigacións, exposicións e iniciativas de sensibilización ambiental. Entre elas figuraron a análise “Ti es de peixe?”, a mostra de “Crebas mariñas” tras accións de limpeza de praias, e a entrega de premios do certame literario “Tinta de lura”, coa participación da escritora Antía Yáñez.
A programación completouse con propostas gastronómicas como a presentación do “Petisco de Peixe”, a cargo do docente Higinio Díaz do IES de Foz, e a difusión do receitario “Maragota á pota”. Non faltaron tampouco actividades lúdicas, actuacións musicais e a proxección dun vídeo resumo do proxecto, rematando a sesión matinal cunha degustación de produtos do mar elaborados polo alumnado de hostalería.
Xa pola tarde, o congreso continuou cunha serie de relatorios sobre o mar, a alimentación e a saúde, ademais de lembrar os talleres interxeracionais que permitiron recoller historias, receitas e tradicións locais a través do encontro entre mozos e persoas maiores. A xornada concluíu cunha nova degustación mariñeira, poñendo o broche a unha iniciativa que reforza o vínculo entre educación, cultura e sector pesqueiro.