Burela rende homenaxe a Rodrigo Maseda antes do inicio do Memorial Heroes de Orzán

A Praia de O Cantiño, un dos lugares máis ligados á memoria de Rodrigo Maseda Lozano, acolleu este martes o acto de homenaxe previo á celebración dunha nova edición do torneo de fútbol sala base “Memorial Heroes de Orzán”. A cita serviu para lembrar ao mozo burelés que perdeu a vida en 2012 na praia coruñesa do Orzán xunto a dous compañeiros cando intentaban auxiliar a un rapaz que se atopaba en dificultades no mar.
No encontro participaron representantes de distintas institucións e entidades vinculadas ao evento, entre eles membros da organización, representantes do Concello de Burela, da Policía Nacional, de ABANCA, da Fundación Imdecum e da OPP-7 Burela, ademais de Isabel Lozano, nai do homenaxeado.
A homenaxe marcou a conta atrás para o inicio dunha competición que volverá converter A Mariña nun referente do fútbol sala de base. O Memorial Heroes de Orzán arrancará este xoves ás 16.00 horas e reunirá arredor dun milleiro de nenos e nenas procedentes de diferentes puntos. Os encontros disputaranse en seis pavillóns situados nos municipios de Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro.
O torneo prolongarase ata o luns e contará cun amplo programa de actividades paralelas. Entre elas figura o cóctel de benvida previsto para o venres no Hotel Thalasso Las Sirenas de Viveiro. Ademais, o pavillón Vista Alegre de Burela será escenario das entregas de trofeos, que se celebrarán o domingo para a categoría feminina e o luns para as categorías mixta e masculina.
A competición combina deporte e valores solidarios, mantendo viva a lembranza de Rodrigo Maseda e dos Heroes de Orzán a través dunha cita que cada ano reúne a centos de mozos deportistas e ás súas familias.