Burela prepárase para vivir a eclipse solar total cun amplo programa de actividades divulgativas

Burela xa iniciou a conta atrás para a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, un acontecemento excepcional que converterá o municipio nun dos mellores puntos de España para contemplar este fenómeno. Segundo as previsións do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a fase de totalidade prolongarase durante aproximadamente un minuto e corenta e nove segundos, situando a vila mariñá entre os enclaves privilexiados para a súa observación.
Co obxectivo de aproveitar esta cita astronómica e ofrecer unha experiencia completa tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, o Concello de Burela e a Deputación de Lugo prepararon unha programación especial que combinará divulgación científica, actividades familiares e observación do ceo.
A institución provincial colabora patrocinando as propostas incluídas no marco de Produart e da Feira do Bonito, ademais de financiar o reparto gratuíto de lentes homologadas para observar a eclipse con total seguridade. Estas lentes entregaranse tanto nas actividades específicas dedicadas ao fenómeno como noutras iniciativas estivais organizadas polo Concello ata esgotar existencias.
A primeira cita terá lugar o domingo 2 de agosto na Nave de Redes. Ás 13.00 horas, coincidindo coa celebración de Produart e da Feira do Bonito, o divulgador astronómico Antonio Pazos Pérez ofrecerá a conferencia Astronomía básica da eclipse, planificación e observación segura, unha actividade gratuíta e aberta ao público sen necesidade de inscrición previa.
A programación continuará o sábado 8 de agosto no Monte Castelo cunha xornada dedicada á astronomía. Ás 11.00 horas desenvolverase unha charla divulgativa sobre as características da eclipse e os consellos para seguila de maneira segura. Posteriormente, ás 12.30 horas, celebrarase un obradoiro de observación solar guiado por persoas expertas, que facilitarán o material necesario para contemplar o Sol nas condicións adecuadas. Xa pola tarde, ás 17.00 horas, organizarase un obradoiro de astronomía especialmente pensado para nenas e nenos de ata 12 anos.
Os dous obradoiros contan con prazas limitadas, polo que será necesario reservar previamente a partir do 4 de agosto a través do correo electrónico oficinadeturismo@burela.org, indicando o nome e apelidos das persoas participantes e un teléfono de contacto.
O momento máis esperado chegará o mércores 12 de agosto. A eclipse poderá seguirse desde diferentes puntos do municipio, como o Monte Castelo ou a praia da Marosa, e en Burela a fase de totalidade comezará ás 20.28 horas.
Como peche da programación, esa mesma noite organizarase unha ruta guiada para observar as perseidas. O percorrido, duns sete quilómetros polo Monte Castelo, partirá ás 22.30 horas desde o cemiterio municipal. A participación será gratuíta, pero requirirá inscrición previa a partir do 5 de agosto no correo oficinadeturismo@burela.org, indicando os datos persoais das persoas asistentes. Ademais, recoméndase acudir con lanterna ou frontal e levar chaleco reflector para realizar o itinerario con maior seguridade.
Con esta iniciativa, Burela aspira a converter a eclipse solar nun acontecemento de referencia para a divulgación científica e o turismo, ofrecendo unha programación pensada para que persoas de todas as idades poidan descubrir e desfrutar dun fenómeno astronómico único.