Burela prepara o primeiro Trail Monte Castelo con dúas modalidades deportivas

Burela acollerá o vindeiro domingo 4 de outubro a primeira edición do Trail Monte Castelo, unha nova cita deportiva organizada por Move-t coa colaboración do Concello de Burela. A xornada contará con dúas modalidades para permitir aos participantes gozar da contorna natural do municipio: unha carreira de trail e unha andaina.
O Trail terá unha distancia de 15 quilómetros, mentres que a Andaina contará con 10 quilómetros. Ambas as dúas propostas combinarán unha primeira parte urbana con tramos por camiños, sendeiros e zonas de montaña. Os percorridos estarán sinalizados e disporán dos correspondentes puntos de control e avituallamento.
A saída e a meta estarán situadas na praza do Concello de Burela. A Andaina iniciará o seu percorrido ás 9:30 horas, mentres que a saída do Trail está prevista para as 10:30 horas. A chegada dos participantes desenvolverase aproximadamente entre as 12:00 e as 14:00 horas e a entrega de premios está programada para arredor das 14:00 horas.
A organización establece un límite de 300 participantes para o Trail e de 150 para a Andaina. As inscricións, que se realizan exclusivamente por internet, permanecerán abertas ata o xoves 1 de outubro ás 23:59 horas. Non se contemplan inscricións presenciais.
Desde o Concello de Burela destacan o apoio municipal a esta nova iniciativa deportiva, que se materializa tanto mediante unha achega económica como coa colaboración de persoal municipal. A proba estará supervisada por voluntarios da organización, a Policía Local e Protección Civil.
O percorrido do Trail terá un tempo máximo establecido de tres horas e media. Ademais, a carreira contará cun sistema de cronometraxe mediante chip incorporado no dorsal dos participantes.
Os participantes recibirán unha camiseta conmemorativa e unha bolsa do corredor con diferentes agasallos. Durante a proba haberá tamén un punto de avituallamento situado na área recreativa do Monte Castelo. Unha vez rematada a competición, a organización ofrecerá unha comida ou picoteo de convivencia para celebrar o final da xornada e favorecer o ambiente de compañeirismo entre os participantes.
A competición contará con diferentes categorías e premios, tanto na clasificación xeral como nas categorías sénior e máster, ademais dunha categoría específica para naturais de Burela. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos das distintas categorías establecidas.
A celebración da proba e o percorrido previsto están condicionados á obtención das autorizacións correspondentes e poderán producirse modificacións por motivos de seguridade, meteoroloxía, conservación do medio natural ou outras circunstancias que afecten ao desenvolvemento do evento.