Burela moderniza o parque infantil do Campón

O parque infantil do Campón, en Burela, xa luce unha nova imaxe tras rematar as obras de renovación impulsadas polo Concello nunha das áreas de lecer máis utilizadas polas familias da zona. A actuación permitiu modernizar por completo este espazo situado na contorna do Hospital Público da Mariña, incorporando novos elementos de xogo e melloras en materia de seguridade.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, visitou o parque unha vez concluídos os traballos acompañada polo concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, e polo encargado municipal das obras, co obxectivo de comprobar o resultado da intervención realizada.
Entre as actuacións levadas a cabo destaca a substitución do antigo chan por unha nova superficie de caucho, preparada para reducir riscos e ofrecer unha maior protección aos nenos e nenas. Ademais, renováronse os xogos existentes e incorporáronse novas estruturas pensadas para diferentes franxas de idade.
O novo parque conta cun gran conxunto formado por torres, pasarelas, escaleiras e tobogáns, convertido agora no principal atractivo da área infantil. A maiores, instaláronse tres trampolíns circulares integrados no pavimento, un columpio mixto e un balancín destinado aos máis pequenos.
A rexedora burelesa subliñou que esta actuación forma parte do compromiso municipal coa mellora dos espazos públicos e coa creación de instalacións adaptadas ás necesidades actuais das familias. Segundo explicou, o obxectivo é que todos os barrios da vila dispoñan de áreas infantís modernas, seguras e en boas condicións.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras sinalou que o parque precisaba unha intervención importante debido ao deterioro que presentaban algúns dos elementos existentes. Ramiro Fernández destacou tamén que a renovación permitiu optimizar a superficie dispoñible e incorporar xogos máis variados para favorecer o uso do espazo por parte de nenos e nenas de distintas idades.