Burela mellora a conexión do paseo marítimo co porto e o acceso á praia de Penoural

AMariñaXa
As obras buscan humanizar este tramo do litoral e facilitar a entrada ao único areal do municipio no que está permitido o acceso con mascotas
Burela-vista-de-noite-2022
17 Aug 2026

A Dirección Xeral da Costa e o Mar está a executar en Burela unha actuación destinada a mellorar a conexión entre o paseo marítimo e a zona portuaria á altura da praia de Penoural. Os traballos permitirán renovar este espazo do litoral e facelo máis cómodo, seguro e accesible para os seus usuarios.

A intervención contempla a humanización de toda esta contorna mediante a combinación de diferentes materiais, entre eles formigón, lastra e madeira. A actuación busca integrar o percorrido na paisaxe costeira ao tempo que se melloran as condicións para o tránsito peonil.

Un dos puntos nos que se está a actuar de maneira específica é o acceso á praia de Penoural. Trátase do único areal de Burela no que está permitida a entrada de mascotas e ata agora dispoñía unicamente dunhas escaleiras para chegar á area.

As obras permitirán contar cun acceso máis funcional. O emprego de formigón neste punto responde tamén á necesidade de facilitar a entrada da maquinaria que poida ser necesaria e permitir o desenvolvemento da actividade dos almacéns existentes nesta zona.

A actuación non se limita ao acondicionamento do percorrido e dos accesos, senón que tamén incorporará novo mobiliario e servizos para os usuarios. Está prevista a colocación de varios bancos de madeira ao longo da zona renovada.

Ademais, as praias de Penoural e O Portelo contarán con novos lavapés, mellorando deste xeito os equipamentos dispoñibles nos dous areais urbanos.

Con esta intervención preténdese dar continuidade ao paseo marítimo cara á zona portuaria e renovar un espazo situado nun punto de transición entre a praia e o porto, compatibilizando o uso peonil coas necesidades derivadas das actividades que se desenvolven na contorna.

Se os traballos continúan conforme aos prazos previstos, a actuación podería quedar rematada a finais deste mes de agosto ou durante os primeiros días de setembro.

0.1278600692749