Burela convértese no escenario da nova novela do escritor brasileiro Efigênio Moura

AMariñaXa
A obra, editada por Através, presentarase este sábado no Concello e estará tamén dispoñible no Mercado de Nadal, coa presenza do autor
PRESENTACIÓN-LIBRO-BURELA-efigenio-moura
24 Nov 2026

Burela dá nome e serve de escenario á nova obra narrativa do escritor brasileiro Efigênio Moura, que acaba de chegar ás librarías da man da editora galega Através. A novela, titulada Burela, presentarase o vindeiro sábado, 28 de novembro, ás 12.00 horas, na Sala de Plenos do Concello, nun encontro co autor no que participará tamén o profesor Bernardo Penabade.

A obra poderá adquirirse igualmente no Mercado de Nadal, que se celebra ese mesmo día, entre as 17.00 e as 20.00 horas. O propio Efigênio Moura estará alí asinando exemplares de 19.00 a 20.00 horas, nunha oportunidade para coñecer o escritor e achegarse á historia que constrúe arredor da localidade mariñá.

A protagonista da novela é Sabela, unha muller que vai perdendo progresivamente o control do seu corpo, da súa fala e dos seus recordos. A súa vida transcorre arredor dun barco que leva o seu nome, dos coidados de Titina, unha muller caboverdiana que a atende con paciencia, e dunha garza que só ela é capaz de ver. No medio dese proceso de deterioración, hai algo que permanece intacto: o amor que gardou en segredo durante toda a súa vida.

A narración percorre distintos espazos recoñecibles de Burela. Entre eles figuran as rúas do casco urbano, con especial presenza da Beiramar e Castrelo, o Hospital da Mariña, O Cantiño, A Areoura, o paseo da Marosa, a Vila do Medio e o Monte Castelo. Nas distintas pasaxes tamén aparecen referencias a persoas e establecementos da localidade, como Fito e Canero, a escola infantil de Lola e Teresa, Titina, o Almacén do Peixe, a panadería González e a pastelería de Kiko.

Efigênio Moura naceu en 1965 en Monteiro, no estado brasileiro de Paraíba. Desde que iniciou a súa carreira literaria en 2009 publicou 19 libros, entre novelas, relatos e obras dirixidas ao público infantil e xuvenil. Ademais, forma parte de distintas academias literarias e históricas. Para escribir Burela, tomou como inspiración as vilas mariñeiras do Nordeste brasileiro, onde naceu, e a relación establecida co profesor Bernardo Penabade, que o convidou a participar nun encontro telemático co alumnado do IES Perdouro.

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado, expresou a satisfacción do Concello por que a vila dea título a unha obra literaria e apareza retratada nas súas páxinas. "É un orgullo que Burela dea título a unha novela e que as nosas rúas, os nosos lugares e a nosa xente aparezan retratados nas súas páxinas. Este libro reflicte moi ben o que somos; unha vila mariñeira, aberta e diversa, onde persoas de moitas orixes conviven e constrúen comunidade", afirmou.

Pillado tamén puxo o foco na dimensión intercultural da historia e no feito de que un autor brasileiro escollese Burela como escenario. "Que un escritor brasileiro elixa Burela para contar unha historia na que a convivencia intercultural ten un papel tan importante demostra que a nosa identidade traspasa fronteiras", sinalou. Así mesmo, animou a veciñanza a asistir á presentación para coñecer o autor e descubrir a visión literaria que ofrece da localidade.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou a satisfacción de incorporar, por segundo ano consecutivo, a presentación dunha obra vinculada a Burela á programación do Mercado de Nadal. Segundo explicou, trátase dunha proposta que permite combinar literatura, actividade cultural e dinamización comercial, achegando novas iniciativas á cidadanía.

Gómez agradeceu a Efigênio Moura que escollera a vila como escenario da súa novela e recoñeceu tamén a implicación de Bernardo Penabade para facer posible esta conexión entre o escritor brasileiro e Burela.

0.1495361328125