Burela pon en marcha o Mercado e Rastro de Nadal, que será o 28 e 29 de novembro

O Concello de Burela abriu o prazo de inscrición para participar no Mercado e Rastro de Nadal 2026, que se celebrará os días 28 e 29 de novembro na carpa da praza da Mariña, en horario de 10:30 a 20:30 horas. A iniciativa busca impulsar o comercio de proximidade, dar visibilidade á artesanía e á creación local e favorecer a reutilización de produtos.
O mercado contará con dúas zonas diferenciadas. Unha estará dedicada á artesanía e aos produtos de elaboración propia, como decoración e artigos de Nadal, xoguetes e produtos alimentarios. A outra reservarase para o rastro de segunda man, no que se poderán ofrecer artigos usados en bo estado, entre eles roupa, complementos, libros e xogos.
Participación gratuíta e inscrición ata o 15 de novembro
Poderán solicitar un posto persoas artesás e creadoras, asociacións culturais ou veciñais, persoas autónomas e particulares maiores de idade que dispoñan de produtos propios ou artigos para o rastro.
A participación será gratuíta e os postos asignaranse por orde de inscrición, en función do espazo dispoñible. O Concello poderá dar prioridade ás propostas artesanais e de elaboración propia para favorecer a creación local e o comercio de proximidade.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, sinala que "o Mercado e Rastro de Nadal é unha oportunidade para que artesáns, creadores e particulares conten cun espazo no que amosar os seus produtos, ao tempo que se contribúe á actividade comercial de Burela durante o Nadal".
As persoas interesadas deberán cubrir o formulario dispoñible na web do Concello de Burela ou solicitalo por correo electrónico e envialo ao enderezo cultura@burela.org antes do 15 de novembro, incluído.