Burela contará cun parque en Vilar, nun espazo de 1.200 metros

AMariñaXa
Burela contará cun parque en Vilar, nun espazo de 1.
23 Dec 2022

Burela contará cun parque en Vilar, nun espazo de 1.200 metros, que é da súa propiedade, para seguir aproveitando a zona.

O rexedor, Alfredo Llano, contou que “na zona de Vilar, onde se fixeron uns asfaltados integrais, hai un espazo que pertence ao Concello de Burela que queremos aproveitar para uso público, concretamente para facer alí un parque, un atractivo para que o visite a xente porque desde ese lugar as vistas que hai de Burela e do mar son espectaculares. É unha zona alta que se pode adecuar para que se poida subir tranquilamente, cunha boa pasarela e cunha serie de melloras como unhas escaleiras formadas por travesas da vía do tren, por exemplo. Tamén se fará unha plantación de árbores, que intentaremos que sexan castiñeiros, e tamén de flores e arbustos, para que adornen perfectamente esta zona”.

Llano explicou que “é un superficie aproximada de 1.200 metros cadrados e esta actuación suporá unha revalorización da zona de Vilar e vai animar a moita xente a subir alí, onde se van colocar varios bancos para que os que visiten este lugar poidan sentarse e apreciar unhas vistas extraordinarias do noso mar e do noso concello”.

O alcalde declarou que “continuando coa nosa vocación de mellora en moitos aspectos, queremos volver redefinir e asentar arte no parque de Rosalía de Castro, onde hai unha fonte que leva moito tempo parada. A esa zona queremos darlle unha nova imaxe que fortaleza a vistosidade do parque de Rosalía de Castro. Vai estar conformada por unha serie de elementos que representarán o que é Burela e vai ser realizado por artistas locais, que tamén farán unha nova obra no monte Castelo, onde había un cartel moi vistoso que levou por diante un coche. Entón vamos recuperalo con nova motivación artística e con outra información. Vai ser diferente ao que había, pero moi mellorado. Polo tanto estes artistas locais van traballar na fonte do parque Rosalía de Castro máis no panel que había no monte Castelo e que foi destruído hai uns meses”.

Alfredo Llano engadiu: “tamén se vai instalar unha nova canalización de auga potable á fonte do parque Rosalía de Castro para que poida ser usada porque alí van moitos rapaces e queremos dar ese servizo mellorado”.

O rexedor considera que “todas estas actuacións, que se van facer en breve, daranlle un empuxe máis ao atractivo do noso concello e servirán para que as usen, as aproveiten e as disfruten todos os veciños, que ademais poderán presumir do que temos aquí, en Burela. Creo que vai ser un bo regalo de Reis para o ano que vén”.

0.16173100471497