Burela celebra este domingo o Día da Bicicleta con rutas para todas as idades

Burela celebrará este domingo, 30 de agosto, unha nova edición do Día da Bicicleta, unha xornada deportiva aberta a diferentes idades que terá como punto de encontro a praza da Mariña. A actividade comezará ás 11.00 horas e contará con percorridos adaptados tanto ao público infantil como ás persoas adultas.
Os nenos e nenas poderán participar nunha ruta curta e nun circuíto habilitado na propia praza da Mariña. Pola súa banda, os adultos realizarán un itinerario de maior distancia.
As rutas partirán en dirección á Marosa. Alí, os participantes da categoría infantil darán a volta para regresar, mentres que os adultos continuarán o percorrido pola Vila do Medio ou O Cantiño antes de volver á praza da Mariña.
Para participar será necesario inscribirse previamente. O prazo estará aberto ata o venres 28 de agosto e os trámites poderán realizarse na Casa da Xuventude, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou a través do correo electrónico actividadesdeportivas@burela.org.
A programación completarase á chegada cun sorteo de material doado por Cerezo Bikes. En concreto, sortearanse catro agasallos e tamén se repartirán botellíns e camisetas do enduro. Ademais, haberá petiscos para que os participantes poidan repoñer forzas despois dos percorridos.
A iniciativa está organizada por Burela Deportes e conta coa colaboración do Club Ciclista Burela, Cerezo Bikes e a Deputación de Lugo. A proposta busca fomentar a práctica deportiva e o uso da bicicleta a través dunha xornada de lecer compartida por pequenos e maiores.