Burela cambia as raias polas pintas e estrea o seu primeiro 'Paso de Vaca'

Burela conta desde esta semana cun paso de peóns moi diferente aos habituais. As tradicionais raias inspiradas nas cebras deixaron paso ás inconfundibles manchas dunha vaca frisoa grazas á iniciativa impulsada por Casa Grande de Xanceda en colaboración co Concello burelés.
O novo 'Paso de Vaca' estreouse coincidindo co Día Mundial sen Coches, celebrado o 22 de setembro, unha xornada coa que se busca reflexionar sobre os hábitos de mobilidade e sobre o espazo que ocupan os vehículos nas vilas e cidades. Casa Grande de Xanceda aproveitou a ocasión para propoñer unha mirada cara ao rural e animar a "deixar o coche aparcado, baixar o ritmo, mirar ao noso redor e achegarnos á vida no campo".
A filosofía que acompaña a iniciativa foi bautizada pola granxa ecolóxica como cow life. Un concepto que, explican, non significa "ter unha vaca na casa", senón "lembrar que existe unha vida máis alá das présas, dos atascos e do asfalto". A proposta pasa por recuperar o contacto coa natureza, apostar polos produtos de proximidade e lembrar a importancia do rural como produtor de alimentos.
A historia destes singulares pasos de peóns comezou en 2018, cando Casa Grande de Xanceda instalou o primeiro no centro da Coruña. A idea consistía en substituír visualmente as raias dunha cebra polas pintas dunha vaca para trasladar parte da identidade rural galega ao corazón dos espazos urbanos.
Desde aquela, os 'Pasos de Vaca' foron chegando a diferentes localidades, entre elas Santiago de Compostela, Boimorto, Lugo ou Pontevedra. Burela incorpórase agora a esta particular rede, que pretende dar visibilidade ás vacas, ás persoas gandeiras e, en xeral, ao papel que desempeña o sector primario na sociedade.
Na inauguración participaron a concelleira de Cultura, Comercio de Proximidade e Cultura Medioambiental e Ecolóxica-Gaia, Lina Gómez Pardo, en representación do Concello de Burela, e Sara Torreiro, responsable de Marketing e Responsabilidade Social Corporativa de Casa Grande de Xanceda.
Desde a granxa explican que o obxectivo pasa por "sacar o rural do rural e levalo alí onde pasa a xente", empregando unha intervención visual e facilmente recoñecible para chamar a atención sobre a importancia do campo.
Así, Burela suma unha nova iniciativa vinculada á mobilidade sostible cun paso de peóns que, ademais da súa función habitual, busca lanzar unha mensaxe de apoio ao rural e convidar á cidadanía a adoptar, aínda que só sexa por uns momentos, o denominado cow life.