Burela acollerá unha nova edición das xornadas formativas de Imdecum cunha masterclass de fútbol sala

AMariñaXa
Adestradores e preparador físico do Reyco Burela FS abordarán o traballo técnico e táctico nunha sesión aberta ao público no pavillón Monte Castelo
xornadas-formativas-imdecum-Burela-2026-futbol-sala
24 Apr 2026

O pavillón Monte Castelo de Burela converterase o vindeiro mércores, 29 de abril, nun punto de encontro para os amantes do fútbol sala coa celebración dunha nova cita das Xornadas Formativas Imdecum, que alcanzan xa a súa décimo quinta edición.

Nesta ocasión, a programación inclúe unha masterclass centrada no traballo técnico e na planificación das sesións de adestramento, da man de profesionais do Reyco Burela FS. Participarán como relatores a adestradora do equipo feminino, Belén Feal, o adestrador do conxunto masculino, Juanma Marrube Rodríguez, e o preparador físico, Alfonso Mera.

Durante a sesión, que dará comezo ás 16.00 horas, os ponentes explicarán como se deseñan e estruturán os adestramentos, así como a maneira na que ese traballo previo se traduce posteriormente na pista de xogo. A actividade permitirá coñecer de preto o labor diario, moitas veces invisible, que sustenta o rendemento dos equipos.

A iniciativa está dirixida tanto a persoas vinculadas ao ámbito deportivo como ao público en xeral interesado en afondar nos aspectos técnicos do fútbol sala, nun formato divulgativo que combina teoría e experiencia práctica.

Con esta proposta, as Xornadas Imdecum continúan consolidándose como un espazo de referencia para a formación e o intercambio de coñecementos no ámbito deportivo na comarca.

0.12074494361877