Burela acollerá un congreso sobre infancia, pesca e consumo responsable impulsado pola Fundación Expomar

AMariñaXa
O proxecto “Xeración Peixe” culminará o 30 de abril cunha xornada aberta á comunidade educativa e ao público xeral
xeracion-peixe-broche-final-2026
23 Apr 2026

Burela foi escenario da presentación do programa do “Congreso da infancia e a adolescencia: sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable”, unha iniciativa promovida pola Fundación Expomar que se celebrará o vindeiro 30 de abril na Casa da Cultura.

O acto estivo conducido polo xerente da entidade, José M. González ‘Brais’, e contou coa participación de representantes institucionais e do sector, que puxeron en valor a importancia dunha proposta que busca achegar o mundo do mar ás novas xeracións desde unha perspectiva educativa e social.

Durante a presentación detallouse o contido do congreso, que se desenvolverá en dúas sesións: unha de mañá, especialmente dirixida aos centros educativos, e outra de tarde aberta tamén á cidadanía. A xornada servirá para expoñer os resultados do proxecto “Xeración Peixe”, no que se implicaron diferentes colectivos e ámbitos da sociedade.

Desde a Fundación Expomar destacaron que Burela e A Mariña manteñen unha forte vinculación co sector pesqueiro, tanto pola súa frota como pola actividade da lonxa e a comercialización do produto, elementos que definen a identidade económica e social do territorio.

O proxecto inclúe accións moi diversas desenvolvidas desde finais de 2025, nas que participaron centros educativos, colectivos sociais e persoas maiores. Entre elas figuran actividades de carácter cultural, gastronómico, ambiental e tamén iniciativas de investigación e divulgación.

Neste contexto, tamén se puxo en valor o traballo realizado pola Escola de Hostalería do IES de Foz, que elaborou un “petisco de peixe” que será presentado no congreso, ademais de propoñer distintos menús baseados en produtos do mar, demostrando a viabilidade de incorporar o peixe á alimentación diaria en comedores escolares e sociais.

Pola súa banda, representantes institucionais subliñaron a relevancia de iniciativas que promoven o consumo responsable, a alimentación saudable e o apoio ao comercio local, ao tempo que resaltaron o papel das persoas maiores na transmisión de coñecementos a través de encontros interxeracionais.

A alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, destacou o valor do traballo conxunto entre administracións, entidades e colectivos para sacar adiante este tipo de proxectos, incidindo en que “Xeración Peixe” reflicte a identidade dunha vila profundamente ligada ao mar.

O congreso converterase así no punto final dun proceso participativo que busca reforzar o coñecemento sobre o sector pesqueiro e fomentar hábitos de consumo responsables entre as novas xeracións.

0.13713502883911