Boga Mariñeiro sementa en Viveiro un proxecto pensado para perdurar

Por Ana Somoza.
Boga Mariñeiro nace dun sentimento compartido: o forte vínculo con Viveiro e a vontade de contribuír ao futuro da cidade. A asociación está integrada por once persoas de distintas xeracións, desde membros de vinte e tantos anos ata outros que superan os sesenta, unidos pola convicción de que chegou o momento de implicarse e transformar as inquietudes en iniciativas concretas.
Desde a entidade explican que Viveiro mantén “un sentimento de pertenza moi forte e potente” e un arraigamento que foi determinante para reunir este grupo de veciños. Nun contexto no que moitas vilas afrontan dificultades e unha perda continuada de poboación, consideran necesario actuar e tratar de “aportar e empurrar un pouco máis”. A súa filosofía parte dunha idea sinxela: “O pobo gústanos, dóenos, queremos vivir nel e que progrese”.
Ese compromiso quere desenvolverse á marxe de posicionamentos políticos. Os integrantes de Boga Mariñeiro defenden que “o pobo somos todos” e que a unión pode servir tamén como exemplo para as xeracións futuras. Se conseguen cumprir os seus obxectivos, esperan deixar un legado que anime aos nenos e adolescentes de hoxe a tomar o relevo mañá.
CULTURA
A asociación pretende desempeñar un papel activo na vida cultural viveirense, especialmente alí onde detecte necesidades ou posibilidades de mellora. A súa intención é “aportar, non quedar de brazos cruzados onde vemos que existen carencias”, ao tempo que colaborar coas institucións públicas e trasladarlles propostas que poidan resultar beneficiosas para a cidade.
Boga Mariñeiro reivindica tamén a riqueza do tecido asociativo local. A Semana Santa, as comisións de festas das parroquias ou as entidades deportivas e culturais son, ao seu entender, exemplos da capacidade de mobilización existente en Viveiro. Nese escenario queren integrarse desde a cooperación e o respecto, convencidos de que as diferenzas entre asociacións e veciñanza só teñen sentido “se son para mellorar”.
O primeiro gran reto da entidade será unha escultura pública inspirada en Catro vellos mariñeiros. A elección desta coñecida composición non é casual. Para o colectivo representa un patrimonio inmaterial tanto viveirense como galego e, sobre todo, un elemento capaz de dar identidade á comunidade. “O que dá identidade como pobo hai que poñelo en valor”, resumen.

IDENTIDADE
A asociación considera que Viveiro non concedeu historicamente suficiente protagonismo á escultura pública como ferramenta para contar a súa propia historia. Entenden que este tipo de obras permiten mostrar aos visitantes aquilo que diferencia unha localidade e, ao mesmo tempo, expresar o orgullo dos seus habitantes polo patrimonio que herdaron.
Algúns integrantes de Boga Mariñeiro xa participaron anos atrás no encargo da escultura dos Heraldos do Encontro, ligada ás orixes da Semana Santa Internacional de Viveiro. Hoxe, lembran, converteuse nun dos puntos máis fotografados polos visitantes. Esa experiencia reforzou a idea de que unha obra artística pode superar a súa dimensión estética para transformarse nun símbolo recoñecible da cidade.
Para materializar a nova proposta realizouse unha selección pechada de cinco artistas galegos de recoñecida traxectoria e procedentes de distintas provincias. Todos coñecían Catro vellos mariñeiros e aceptaron presentar unha proposta. Os membros da asociación visitaron aos candidatos e, posteriormente, cada artista acudiu a Viveiro coa súa maqueta. A elección realizouse de maneira democrática entre os once integrantes e a proposta seleccionada foi a de Francisco Leiro.
OBRA
Boga Mariñeiro quere preservar polo momento boa parte do misterio arredor do deseño. Só adianta que será “unha peza única e inédita”, na que o bronce figurará entre os materiais empregados. A elección de Leiro supón, para a entidade, apostar polo “escultor galego máis internacional”, cunha ampla traxectoria e obras presentes en cidades, museos, fundacións e importantes coleccións.
A localización prevista será o paseo marítimo, fronte á Porta de Carlos V. Durante as visitas realizadas polos cinco escultores participantes no proceso, todos coincidiron en sinalar este espazo como o máis axeitado. Para a asociación, a histórica porta ten ademais un significado especial para os viveirenses: “É o noso punto de partida, o noso quilómetro cero”, comparándoa simbolicamente coa función que exerce a Porta do Sol en Madrid.
O proxecto será ambicioso tamén desde o punto de vista económico. A previsión é necesitar entre dous e tres anos para reunir os fondos necesarios. A asociación estudará vías de colaboración co Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, fundacións, empresas locais e doutras localidades e fórmulas de mecenado.
LEGADO
A participación cidadá terá igualmente un papel relevante. Boga Mariñeiro está valorando a creación dunha base de socios, a organización de actos para recadar fondos e outras iniciativas que aínda se atopan en fase de definición. O obxectivo final é financiar a obra e doala posteriormente á cidade para que pase a formar parte do seu patrimonio.
Os primeiros sinais recibidos son, aseguran, positivos. Tras facer pública a iniciativa, chegaron felicitacións e comentarios favorables. Antes de emprender formalmente o proxecto, en setembro de 2025, os promotores reuníronse tamén con todos os partidos con representación no Concello e, segundo explican, atoparon un apoio “unánime e xeneralizado”.
O que esperan provocar coa escultura vai máis alá da contemplación artística. Gustaríalles que, dentro de anos, quen pase diante dela sinta “orgullo de ser viveirense”, se recoñeza no patrimonio representado e poida pensar: “Somos nós, a nosa historia feita bronce”.
Sobre o futuro prefiren avanzar paso a paso. Non teñen definido un segundo proxecto porque toda a enerxía está agora concentrada nesta iniciativa. “A escultura será unha realidade; en parte xa o é, porque os bosquexos e a maqueta xa están feitos”, afirman. Despois poderá haber novas propostas, pero a prioridade é culminar esta. A longo prazo desexan que Boga Mariñeiro “xermine”, teña relevo xeracional e demostre que para facer medrar unha idea primeiro “hai que plantar unha semente, regala e coidala”.