BNG e PSOE de Xove denuncian o vandalismo contra os seus carteis electorais

AMariñaXa
Pilar Vázquez e Aida López presentaron cadansúas denuncias na Garda Civil e reclaman respecto polo pluralismo político tras repetirse estes actos en diferentes campañas
BNG-e-PSOE-Xove-2026
26 Nov 2026

O BNG e o PSdeG-PSOE de Xove presentaron este luns denuncias denuncias no posto da Garda Civil do municipio polos danos ocasionados nos carteis electorais das dúas formacións durante distintos procesos electorais. Ambos os partidos aseguran que se trata dunha situación recorrente, na que a súa propaganda aparece arrincada ou deteriorada, malia estar colocada nos espazos autorizados pola Xunta Electoral.

Pilar Vázquez, concelleira e portavoz municipal do BNG, e Aida López, secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Xove, denunciaron estes feitos e reclamaron que se respecten as regras democráticas e a pluralidade política, para que todas as organizacións poidan desenvolver a súa actividade electoral en igualdade de condicións.

Vázquez lembra que ambas as formacións están legalmente constituídas e cumpren a normativa para utilizar os lugares habilitados para a propaganda. A portavoz nacionalista considera que os danos se converteron nunha práctica habitual no municipio e explica que, tras repetirse durante anos, decidiron formalizar a denuncia. Segundo afirma, estas actuacións afectan exclusivamente aos carteis do BNG e do PSOE, polo que cualifica os ataques de "covardes".

A representante do BNG tamén cuestionou a ausencia de posicionamento por parte do Partido Popular local ante o sucedido e criticou que os carteis desta formación non resultasen afectados. Vázquez advirte de que este tipo de comportamentos contribúen a fomentar a hostilidade contra determinadas organizacións políticas e considera que non se deben tolerar.

Pola súa banda, Aida López asegura que o PSOE non está disposto a asumir como normal que os actos vandálicos contra a súa cartelería se repitan campaña tras campaña. A secretaria xeral socialista afirma que decidiron denunciar e continuar o procedemento para que os responsables poidan responder polos danos.

López insistiu tamén na necesidade de preservar as garantías democráticas durante todo o proceso electoral. "A democracia deféndese con respecto, liberdade e garantías, e non imos permitir que ninguén pretenda impoñer o silencio mediante o vandalismo", sinalou, ao tempo que advertiu de que non consentirán irregularidades nin durante a campaña nin na xornada de votacións.

Ambas as organizacións reclaman, finalmente, que se respecte o pluralismo político e o dereito de todas as formacións a participar nos procesos electorais sen intimidacións nin danos na súa propaganda, evitando que estas actuacións se normalicen no municipio.

0.17615008354187