Barreiros remata a segunda fase de renovación da rede de abastecemento con actuacións en varios núcleos do municipio

O Concello de Barreiros deu por finalizada esta semana a segunda fase das obras de mellora da rede de abastecemento, tras a recepción oficial dos traballos executados no marco dun convenio de colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A actuación supón un novo avance na modernización dun servizo considerado esencial para a veciñanza.
Os traballos, levados a cabo pola empresa pública Tragsa, centraronse nos puntos máis deteriorados da rede secundaria, onde se procedeu á renovación das conducións. As antigas tubaxes de fibrocemento foron substituídas por outras de polietileno, máis seguras e eficientes, ao tempo que tamén se renovaron elementos clave como as chaves de conexión e corte. Estas melloras permiten incrementar o caudal e optimizar o funcionamento do sistema de subministración de auga en vivendas, explotacións agrarias e establecementos da contorna.
As intervencións desenvolvéronse en diferentes puntos do municipio, con actuacións destacadas en Celeiro de Mariñaos, na zona próxima á praia de Anguieira, nas inmediacións das vivendas sociais de San Cosme e en varios tramos situados a carón da estrada estatal N-634, especialmente entre a antiga farmacia e a gasolineira.
Aproveitando a execución das obras, o Concello acometeu tamén tarefas complementarias para mellorar o estado das gabias e das beirarrúas afectadas polas intervencións. Entre elas, destacan distintos treitos ao longo da N-634, no tramo comprendido entre a gasolineira e a casa consistorial.
A visita de supervisión contou coa presenza do deputado provincial Daniel García, da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e da concelleira de Educación, Igualdade e Saúde Pública, Montse Porteiro, acompañados por persoal técnico da Deputación e da empresa encargada dos traballos.
Segundo destacou Daniel García, a actuación supuxo un investimento de 225.000 euros nesta segunda fase e implicou unha notable complexidade técnica e administrativa, ao desenvolverse en zonas rurais e en tramos próximos a unha estrada estatal. O deputado puxo en valor a cooperación institucional, que cualificou de clave para sacar adiante un proxecto que mellora de forma directa a calidade de vida da cidadanía.
Pola súa banda, Ana Ermida sinalou que esta intervención forma parte dunha estratexia iniciada hai anos para corrixir as deficiencias existentes na rede de abastecemento. A rexedora lembrou que o municipio partía dun déficit importante nestas infraestruturas e subliñou que os investimentos realizados están a traducirse nunha mellora progresiva do servizo tanto para particulares como para empresas.
A alcaldesa incidiu tamén na relevancia deste tipo de actuacións, que, aínda que non sempre son visibles, resultan fundamentais no día a día. Neste sentido, destacou a importancia de garantir que a auga chegue en condicións óptimas ás vivendas e avanzou que o Concello continuará traballando para adaptar o servizo ás necesidades actuais e ao posible crecemento futuro.
Esta segunda fase dá continuidade ás actuacións realizadas nos últimos meses noutros puntos da rede, como as melloras no depósito de Merille —centradas na reparación de fisuras e na impermeabilización da cuberta— e na estación de bombeo da Folgueirosa, onde se instalaron novos equipos e se adaptaron as instalacións hidráulicas e eléctricas, cun investimento adicional de 118.000 euros.