Barreiros reclama transparencia na admisión de alumnado no CEIP de San Cosme

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, trasladou o respaldo do Concello ás familias do CEIP de San Cosme ante as súas preocupacións polo sistema de admisión de alumnado para o curso 2026-2027. A rexedora puxo o foco na necesidade de que a administración autonómica actúe con claridade e ofreza información precisa sobre o futuro do centro.
Ermida sinalou que nos últimos anos se teñen producido decisións que, ao seu xuízo, afectan á calidade educativa do colexio. Neste sentido, lembrou que o Concello tivo que asumir no seu momento o servizo de comedor escolar para garantir unha prestación básica para as familias, tras a retirada da Xunta.
A alcaldesa advertiu tamén sobre a redución de prazas de admisión, unha medida que considera preocupante ao limitar as posibilidades de crecemento do centro e a dotación de recursos. Ao seu entender, manter un colexio aberto implica asegurar condicións de calidade que permitan ás familias escoller con garantías.
Así mesmo, subliñou que a falta de información clara pode xerar incerteza e condicionar as decisións das familias. Por iso, instou á Xunta de Galicia a definir de maneira transparente cal é o proxecto para o CEIP de San Cosme e a actuar con lealdade cara á comunidade educativa.