Barreiros pecha o circuíto +KmsBarreiros coa carreira Ao Son do Masma

Barreiros despedirá este domingo, 8 de novembro, o circuíto municipal de carreiras populares +KmsBarreiros coa celebración da oitava edición de Ao Son do Masma. A cita, organizada polo Colectivo Cultural Ollomao coa colaboración do Concello, terá como escenario Celeiro de Mariñaos e combinará deporte, natureza e participación veciñal.
A última proba da tempada chega cun importante aliciente competitivo, xa que os puntos que se repartan nesta xornada serán decisivos para establecer as clasificacións xerais do circuíto. Despois das distintas carreiras celebradas ao longo do ano, as diferenzas entre participantes son reducidas, polo que os resultados finais se decidirán nesta última convocatoria.
A programación comezará ás 10.30 horas cunha andaina popular que ofrecerá dúas alternativas de distancia, de 8,6 e 5,6 quilómetros. Trátase de percorridos de dificultade baixa que permitirán gozar da paisaxe da ribeira do río Masma.
A continuación, ás 11.00 horas, desenvolveranse as carreiras infantís, organizadas en función das diferentes idades para facilitar a participación dos máis pequenos. A competición absoluta arrancará ás 12.00 horas e terá un trazado de 5.600 metros.
As Escolas de Celeiro de Mariñaos serán o punto de referencia de toda a xornada, ao acoller tanto a saída como a chegada das distintas probas.
Ademais das medallas e trofeos correspondentes ás categorías, ASOPORCEL, patrocinador do circuíto, entregará agasallos ás persoas vencedoras absolutas e ao equipo que consiga o primeiro posto na competición.
As inscricións para participar na carreira ou na andaina permanecerán abertas ata este xoves, 5 de novembro, e deberán formalizarse a través da web oficial do circuíto, www.maiskmsbarreiros.gal.
Desde o Concello animan a veciñanza e aos afeccionados ao deporte da comarca a achegarse a Celeiro de Mariñaos para participar ou acompañar unha xornada que pretende combinar actividade física, convivencia e contacto coa contorna natural.