Barreiros instala sistemas de depuración en dous núcleos rurais con menos de 15 vivendas

O Concello de Barreiros vén de rematar as primeiras obras para dotar de sistemas de depuración de augas residuais pequenos núcleos rurais do municipio. A intervención permitiu instalar equipos autónomos de tratamento na Pedreira e na Insua, na parroquia de Cabarcos, grazas a unha axuda de 40.000 euros concedida por Augas de Galicia.
A convocatoria estaba destinada á renovación ou instalación de sistemas autónomos de depuración en localidades de menos de 15 vivendas. Para escoller os emprazamentos tivéronse en conta as condicións técnicas e a dispoñibilidade de terreos, ademais da colaboración da veciñanza.
Unha vez instalados os equipos, o Concello traballa na redacción dos proxectos para construír as redes de saneamento que conectarán ambos núcleos. Estas actuacións contan cun financiamento de preto de 180.000 euros procedente da área de Rural da Deputación de Lugo.
Trátase das primeiras obras de saneamento que se executan en Barreiros fóra das parroquias costeiras, co obxectivo de atender as necesidades das localidades menos poboadas mediante solucións adaptadas ás súas características.