Barreiros impulsa unha formación para mellorar a inserción laboral de persoas con discapacidade na Mariña

AMariñaXa
Un curso de vendedor de estacións de servizo, en colaboración coa Fundación ONCE, reúne alumnado de varios concellos da comarca e aposta por abrir novas oportunidades de emprego
Carmen-Veiga-PSOE-Barreiros-7
22 Apr 2026

O Concello de Barreiros, a través da área de Servizos Sociais dirixida pola tenente de alcaldesa socialista Carmen Veiga, vén de poñer en marcha unha nova acción formativa centrada na mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade.

Trátase dun curso de vendedor ou vendedora de estacións de servizo, iniciado o pasado martes 14 de abril, que se desenvolve en colaboración coa Fundación ONCE mediante o programa Inserta Emprego. A iniciativa busca ofrecer ferramentas prácticas e formación específica para facilitar o acceso ao mercado laboral nun sector que presenta demanda activa na comarca.

Segundo destacan desde o grupo socialista, esta proposta supón un paso máis no compromiso coas políticas sociais inclusivas e contribúe a situar Barreiros como un punto de referencia na cooperación institucional dentro da Mariña Lucense. Ademais, subliñan que o proxecto transcende o ámbito estritamente municipal, ao contar con alumnado procedente de distintos concellos como Foz, Ribadeo, Lourenzá e o propio Barreiros.

A formación está concibida como unha ponte cara ao emprego real, combinando aprendizaxe teórica e práctica co obxectivo de dotar ás persoas participantes das competencias necesarias para incorporarse a estacións de servizo, un sector con oportunidades laborais activas na zona.

Desde o PSdeG insisten en que este tipo de iniciativas reflicten un modelo de xestión próximo á cidadanía, enfocado ás necesidades reais da veciñanza e cunha visión comarcal que permite compartir recursos e xerar máis oportunidades laborais para o conxunto da Mariña.

0.12635898590088