Barreiros impulsa a recuperación do antigo Teleclub de San Cosme

O Concello de Barreiros vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado a licitación das obras para a recuperación integral do antigo Teleclub de San Cosme, unha actuación ambiciosa que permitirá transformar este edificio nun centro de uso público orientado á dinamización económica, social e asociativa do municipio.
O proxecto conta cun orzamento total de 914.105,01 euros e un prazo máximo de execución de doce meses desde a acta de comprobación do replanteo, sempre que a Administración autorice o inicio das obras. A planificación establece tamén prazos parciais: unha primeira fase deberá executar, como mínimo, 461.726,73 euros antes do 21 de setembro de 2026, mentres que a contía restante terá que estar rematada antes do 20 de setembro de 2027.
As actuacións previstas inclúen a reforma e o acondicionamento interior do inmoble, así como a mellora da súa envolvente enerxética e das condicións de accesibilidade, adaptando o edificio á normativa vixente. Trátase dunha edificación exenta de planta baixa, primeira e baixocuberta, que na actualidade presenta importantes carencias en materia de accesibilidade e eficiencia térmica.
O proxecto permitirá reorganizar os espazos interiores e dotar o edificio de novos usos. O inmoble contará con zonas de coworking, salas de reunións, espazos de traballo individual, áreas de almacenaxe e unha cafetería, ademais de acoller as instalacións da asociación APNED, que disporá dun despacho e unha aula propia. Cada planta estará equipada con aseos adaptados e zonas de servizo.
Un dos elementos máis innovadores da iniciativa será a implantación dun sistema dixital de control de accesos, que permitirá a xestión e a reserva dos espazos mediante credenciais personalizadas e tecnoloxía contactless, garantindo un uso ordenado, seguro e inclusivo das instalacións. Estes espazos estarán apoiados en tecnoloxías accesibles para facilitar a participación da cidadanía en igualdade de condicións.
O edificio disporá tamén de zonas exteriores complementarias, como un acceso pavimentado, unha área verde con xogos infantís e un espazo traseiro con skatepark, reforzando así o seu carácter de punto de encontro interxeracional.
Con esta actuación, o Concello de Barreiros aposta pola recuperación dun inmoble emblemático para convertelo nun motor de actividade social, económica e comunitaria ao servizo da veciñanza.