Barreiros ensina ao alumnado a cociñar peixe de tempada co proxecto "Vivir o Mar"

O alumnado do colexio de San Cosme participou no primeiro obradoiro do proxecto "Vivir o Mar: Produto Local e Deporte no Litoral de Barreiros", unha iniciativa que busca promover hábitos de vida saudables entre a infancia e a mocidade a través da alimentación equilibrada, a actividade física e o respecto polo medio mariño. A sesión incluíu unha demostración culinaria na que os nenos e nenas aprenderon a preparar pescada de Celeiro en papillote da man do cociñeiro Javier Montero, integrante do Colectivo Gastronómico da Mariña.
Durante a actividade, Montero incidiu na importancia de introducir desde a infancia o consumo de produtos do mar de tempada, así como de verduras e legumes, para favorecer unha alimentación variada e saudable. O obxectivo, explicou, é promover bos hábitos alimentarios e reducir o consumo de produtos ultraprocesados.
Pola súa banda, María Teresa Iglesias Basanta, presidenta do Colectivo Gastronómico da Mariña, destacou o valor dos produtos locais e de tempada e a importancia de ensinar aos máis pequenos a seleccionar os alimentos como parte fundamental dunha vida saudable.
Oito obradoiros nos colexios de Barreiros
O programa contempla oito sesións educativas antes de que remate o ano nos centros escolares de San Cosme e San Miguel de Reinante. As actividades combinarán contidos sobre nutrición, deporte e coñecemento do litoral como espazo de benestar e sustentabilidade, coa participación de persoas da contorna que compartirán as súas experiencias profesionais co alumnado.
Tras a primeira sesión, os obradoiros continuarán os días 21, 26 e 27 de outubro no colexio de San Miguel de Reinante. A programación rematará o 2 de novembro con novas sesións nos dous centros educativos. Ademais do cociñeiro Javier Montero, participará a ximnasta rítmica e investigadora Candela Martínez Bobo.
O proxecto inclúe tamén dous certames escolares sobre hábitos de vida saudable, destinados a fomentar a reflexión sobre a alimentación equilibrada, a práctica deportiva e a importancia do sector pesqueiro local. Outra das actividades será a colaboración coa "Carreira das Praias", coa preparación dunha proposta adaptada á participación infantil e xuvenil e sesións preparatorias nos colexios de cara á edición de 2027.
A alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida, participou na inauguración do programa no colexio de San Cosme, acompañada por representantes do Colectivo Gastronómico da Mariña. Durante o encontro co alumnado, animou os nenos e nenas a consumir peixe e produtos de tempada, destacando a calidade dos alimentos dispoñibles na contorna.
Hermida tamén incidiu na necesidade de protexer o litoral e evitar o abandono de plásticos e residuos no mar, vinculando o coidado do medio mariño coa conservación dos recursos pesqueiros e cunha alimentación saudable.
O Concello impulsa esta iniciativa co obxectivo de achegar a infancia e a mocidade á cultura mariñeira, fomentar o consumo de produtos do mar de proximidade e promover a actividade física e a sustentabilidade. O proxecto conta cun orzamento de 35.446,95 euros, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia.