Barreiros contará con oito millóns de euros para renovar o saneamento e a depuración

O plan de saneamento e depuración de Barreiros recibirá un investimento previsto de oito millóns de euros tras a autorización dunha nova modificación do convenio de xestión directa da sociedade mercantil estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES). O Consello de Ministros deu luz verde a esta actualización, que incorpora oito novas actuacións cunha dotación conxunta de 269 millóns de euros, entre as que figura o proxecto previsto para o municipio lucense.
A inclusión desta intervención permitirá avanzar na mellora das infraestruturas destinadas á recollida e tratamento das augas residuais. O obxectivo é dotar Barreiros dun sistema con capacidade suficiente para responder ás necesidades da veciñanza e, especialmente, ao aumento da demanda que se produce durante os meses estivais, cando a localidade experimenta un importante crecemento da súa poboación pola actividade turística.
A actuación contempla a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en San Miguel de Reinante. Tamén está prevista a transformación das instalacións de Santiago de Reinante e Sarxende en estacións de bombeo de augas residuais (EBAR), así como a execución de colectores e conducións de impulsión para trasladar as augas desde estas infraestruturas ata a nova depuradora.
O proceso para desenvolver o proxecto xa dera pasos anteriores. En setembro de 2025, ACUAES comunicara a licitación do contrato para redactar o proxecto técnico das actuacións. Agora, segundo recolle a nota oficial do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a sociedade estatal está traballando na definición da solución definitiva, coa análise das distintas alternativas en coordinación con Augas de Galicia e o Concello de Barreiros.
A autorización dos oito millóns de euros incorpora así o saneamento e a depuración do municipio á carteira de actuacións encomendadas a ACUAES. A modificación aprobada polo Consello de Ministros eleva ata os 8.572 millóns de euros o investimento total asignado a esta sociedade estatal para desenvolver 172 proxectos.