Barreiros aposta pola formación doméstica con dúas xornadas sobre aforro enerxético e seguridade no fogar

AMariñaXa
As sesións, abertas á veciñanza, ofrecerán asesoramento práctico para reducir gastos e previr riscos nas vivendas
Carmen-Veiga-PSOE-Barreiros-7
30 Apr 2026

O PSdeG de Barreiros destacou a posta en marcha de dúas xornadas formativas centradas no aforro enerxético e na seguridade no fogar, unha iniciativa promovida desde a área de Servizos Sociais, dirixida por Carmen Veiga, en colaboración coa Fundación Naturgy. A proposta busca achegar información útil e ferramentas prácticas ás familias do municipio, cun enfoque baseado na prevención e na mellora do benestar no día a día.

Segundo explican desde o grupo socialista, estas sesións permitirán á veciñanza comprender mellor aspectos clave como o consumo enerxético ou os riscos domésticos, facilitando así unha maior autonomía na xestión dos fogares. A primeira das xornadas terá lugar o 6 de maio ás 11:00 horas nas escolas unitarias de San Cosme e estará dedicada ao aforro enerxético. Durante a actividade, as persoas participantes poderán analizar as súas facturas da luz e do gas, recibir orientación personalizada e coñecer os requisitos para acceder ao Bono Social.

A segunda sesión celebrarase o 12 de maio, á mesma hora e no mesmo espazo, e centrarase na seguridade no fogar. Neste caso abordaranse cuestións relacionadas coa prevención de incendios, riscos eléctricos ou fugas de gas, así como medidas sinxelas para mellorar a protección nas vivendas.

Desde o PSdeG subliñan que esta iniciativa forma parte dunha liña de traballo orientada a ofrecer recursos útiles desde o ámbito social, atendendo necesidades reais da cidadanía. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente nos Servizos Sociais a través do teléfono 982 317 143, sendo Sandra a encargada de xestionar as inscricións.

0.11426401138306