Balseiro pide ao Goberno central que reclame en Bruxelas levantar o veto ao palangre pedra-bóla

AMariñaXa
O senador lucense lembra que a prohibición afecta directamente a arredor de 200 embarcacións galegas e provoca importantes perdas na frota de Burela
reunion-balseiro-burela
20 Sep 2026

O senador do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha pregunta ao Goberno de España para coñecer se está disposto a defender ante a Comisión Europea a revisión inmediata da prohibición que afecta ao palangre pedra-bóla en 87 zonas do Atlántico nororiental. A iniciativa baséase nas novas evidencias achegadas polo proxecto científico ISPAMER, promovido pola OPP de Burela e desenvolvido coa participación do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), que acredita o reducido impacto desta arte sobre os hábitats mariños e o seu carácter altamente selectivo.

Balseiro lembra que a Xunta de Galicia xa trasladou á Comisión Europea a necesidade de revisar esta prohibición á luz das novas evidencias científicas e considera que agora o Goberno de España debe facer o mesmo e defender con firmeza á frota galega en Bruxelas.

“Se a ciencia acredita que o pedra-bóla é compatible coa protección dos ecosistemas mariños, non ten sentido manter unha prohibición xenérica que está causando un grave prexuízo á nosa frota”, sinala.

“Falamos dunha decisión que non é teórica: está reducindo capturas, facturación e actividade dunha frota estratéxica para portos como Burela e Celeiro e afecta directamente ás familias que viven da pesca e a toda a cadea económica vinculada ao sector”, advirte o senador popular.

Balseiro lembra que o veto afecta directamente a arredor de 200 embarcacións galegas e ten unha especial incidencia na frota palangreira da OPP de Burela, onde supuxo unha perda media de preto de 81 toneladas de pescada do pincho por barco e ano, arredor dun 32% das capturas. Ademais, 21 buques vinculados a 16 empresas armadoras participaron xa no recurso promovido fronte ao veto europeo, o que evidencia o impacto directo desta decisión sobre a actividade pesqueira da Mariña.

“A pregunta é moi clara: vai o Goberno de España atender á ciencia e defender á nosa frota ou vai permitir que siga vixente unha restrición desproporcionada que prexudica especialmente a portos como Burela e Celeiro?”, conclúe Balseiro.

0.15605306625366