As Raíñas Laranxas de Burela gañan a Supercopa

AMariñaXa
O Pescados Rubén Burela FS vence ao Torreblanca na final da Supercopa de España Feminina 2023 celebrada en Vista Alegre.
Supercopa Espana 2023 final_PRBurelaFS Torreblanca 4
Supercopa Espana 2023 final_PRBurelaFS Torreblanca 4
29 ene 2023

Por quinta vez, o Pescados Rubén Burela FS alza a Supercopa de España Feminina, cuarta vez consecutiva.

Rematou a fin de semana de Supercopa de España de Futsal Feminino que este ano 2023 se celebrou no pavillón Vista Alegre de Burela e por quinta vez, cuarta consecutiva, as Guerreiras Laranxas levárona tras dous partidazos nos que, unha vez máis, demostraron que son o mellor equipo do mundo en todos os sentidos. Esta vez xogaron a final, esta mañá de domingo ás 12.00 horas, co pavillón cheo, máis de 1000 espectadores, contra o MSC Torreblanca FS, que demostrou tamén a súa calidade e ambición ao longo de todo o campionato, cunha Bía e unha Amandhinha que cada partido destacan e ofrécennos un espectáculo digno de gozar xunto ao resto do seu equipo. Pero maior foi o espectáculo que ofreceron as cracks de Julio Delgado, que foron superiores esta mañá ante o Torreblanca, do mesmo xeito que o foron na semifinal contra o seu gran rival, o Futsi Atlético Navalcarnero.

Comeza o encontro e Dany ten a súa primeira gran oportunidade no minuto 2 de xogo. Pouco despois, no minuto 3, tras unha parede entre Antía e Cilene, a primeira anota o primeiro gol do encontro. O Burela domina o xogo e tras varias oportunidades máis, de Cilene e posteriormente de Emilly, ambas frustradas pola porteira Sara Soares no minuto 9 e outra destacable no 10, tras unha moi boa xogada de Dany e Cilene que vai ao pau e logo detén a porteira o remate de Antía. Tras o primeiro tempo morto no mesmo minuto, Dany anota o segundo gol no minuto 12 tras un xiro. Tras unha falta de Antía, Nerea vese obrigada a abandonar a pista con molestias preocupantes na perna, esperamos que sexa menos do que pareceu. No minuto 16 Peque anota o 3-0 cun golazo tras un pase de Emilly dende media pista. A continuación dúas oportunidades boas do Torreblanca, unha de Juliana no minuto 16 que se vai por encima do traveseiro e outra de Amandhinha no 17 que para a nosa porteiraza Caridade. Antes do descanso Emilly tira unha falta perigosa que se vai fóra e o Torreblanca presiona con porteiro-xogador na última xogada.

Na segunda parte sae Jozi á pista por Caridade e o Torreblanca continúa co xogo de 5 tendo varias oportunidades, entre elas Jozi fai unha dobre parada destacable que evita o primeiro gol do equipo de Melilla. En o minuto 28 o Burela FS volve lanzar unha falta perigosa que vai fóra e tras un tempo morto no minuto 30 Thais anota 3-1 xogando en superioridade. Continúan co 4 para 5 e o Torreblanca continúa buscando e tendo oportunidades ante a boa defensa laranxa, pero no minuto 31 Emilly mete o 4-1 cun golazo que se coa entre as pernas da porteira rival. No 36 unha oportunidade destacable de Irene Samper que dá no pau e a pesar da presión do xogo de 5 por parte do Torreblanca non conseguen cambiar o resultado, quedando 4-1 ata o final do encontro e proclamando CAMPIOAS, unha vez máis, ás Raíñas Laranxas de Julio Delgado.