As obras de humanización da praza de Santa María de Ferreira chegan ao 50 % de execución

As obras de humanización da praza de Santa María, en Ferreira do Valadouro, alcanzaron xa o 50 % da súa execución. A actuación céntrase na zona leste deste espazo e abrangue unha superficie de 1.141 metros cadrados, na que se está a realizar unha profunda renovación para mellorar a accesibilidade, a seguridade e o uso peonil.
Os traballos avanzan actualmente na renovación do pavimento, que permitirá diferenciar con maior claridade os espazos reservados á circulación de vehículos daqueles destinados aos peóns. O proxecto contempla tamén a eliminación dos desniveis existentes e a construción de novas beirarrúas, co obxectivo de facilitar os desprazamentos pola contorna.
Segundo o calendario previsto, esta fase de pavimentación estará finalizada a comezos do vindeiro mes de setembro. Durante o resto dese mes acometeranse os últimos traballos da intervención, centrados principalmente na instalación das novas liñas de alumeado público e na colocación do mobiliario urbano.
A reforma incorporará bancos, papeleiras e xardineiras circulares. Estes últimos elementos serán móbiles para que poidan retirarse ou cambiarse de lugar cando a praza necesite quedar libre para a celebración de mercados, actuacións ou outras actividades. A intervención inclúe igualmente a substitución da varanda existente e a limpeza do cruceiro.
A execución das obras foi adxudicada por preto de 187.000 euros. O financiamento realízase mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello do Valadouro no marco do Plan Hurbe. A Administración autonómica achega o 70% do investimento, máis de 130.000 euros, mentres que o Concello asume o 3 % restante.
O avance dos traballos foi comprobado nunha visita á praza polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas; e o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela.
Villares destacou "o bo ritmo" das obras e sinalou que a reforma permitirá transformar este punto central de Ferreira nun espazo máis accesible, cómodo e seguro. Unha vez completada a actuación, a praza contará cunha distribución renovada e novos equipamentos, mantendo ao mesmo tempo a flexibilidade necesaria para continuar acollendo diferentes usos e actividades.