As familias do CEIP Vista Alegre aproveitan o eclipse para reclamar as reformas do centro

AMariñaXa
A comunidade educativa impulsa unha campaña con fotografías e pequenos vídeos para manter visibles as necesidades do colexio e reivindicar melloras nas súas instalacións
manifestacion-ceip-vista-alegre-burela-2026
11 Aug 2026

As familias do CEIP Vista Alegre queren aproveitar a expectación xerada polo eclipse para volver situar no primeiro plano as reformas que reclaman para o centro educativo. Para iso, puxeron en marcha unha iniciativa coa que animan á comunidade escolar a participar mediante fotografías e pequenos vídeos que permitan dar visibilidade ás súas demandas.

Baixo a mensaxe “Que o eclipse non eclipse as reformas do CEIP Vista Alegre”, a campaña pretende reunir durante os próximos días imaxes das familias relacionadas con este acontecemento astronómico e empregalas como vehículo para lembrar as necesidades do colexio.

A proposta busca facilitar ao máximo a participación. As familias poden enviar desde unha fotografía cun cartel reivindicativo ata uns segundos de vídeo, tanto individualmente como acompañadas dos nenos, dos avós ou doutros membros da familia. Tampouco é necesario mostrar os rostros, xa que as imaxes poden tomarse de costas ou enfocando unicamente as mans, os pés, as siluetas ou as mensaxes preparadas para a ocasión.

A intención é recompilar pequenas achegas que, sumadas, permitan facer máis visible a reivindicación. “Non buscamos vídeos perfectos nin fotos de revista. Buscamos pequenos xestos que, xuntos, teñan unha grande voz”, explican desde a iniciativa.

O material recibido irá sendo difundido ao longo dos próximos días co propósito de manter presente a petición de reformas no CEIP Vista Alegre coincidindo cun momento de especial atención pública polo eclipse.

As familias subliñan que, fronte ao carácter puntual do fenómeno astronómico, as condicións do centro forman parte da vida cotiá do alumnado. “O eclipse durará un intre, pero os nosos nenos e nenas seguirán medrando no cole todos os días”, sinalan.

A campaña remata cun chamamento á implicación colectiva para conseguir que a reclamación gañe forza a través da participación da comunidade educativa. “Unha familia pode ser unha voz. Moitas familias xuntas poden facer moito ruído”, destacan, resumindo a iniciativa noutra das súas mensaxes: “Que se vexa o eclipse, pero que se vexa máis o noso cole”.

0.10951590538025