Arranca unha nova edición do programa Coñece a túa provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
As entidades sen ánimo de lucro da provincia interesadas poderán formalizar a petición ata o día 1 de febreiro.
presentacion segunda edicion conece a tua provincia
17 Jan 2022

As entidades sen ánimo de lucro da provincia interesadas poderán formalizar a petición dende mañá ata o día 1 de febreiro. A Deputación reedita o programa de viaxes gratuítas tras a gran acollida da primeira edición cunha oferta de 3.036 prazas entre a primavera e o outono deste 2022.

A Deputación de Lugo manterá aberto dende mañá martes, 18 de xaneiro, ata o día 1 de febreiro, o prazo de presentación de inscricións para participar na segunda edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia, unha iniciativa que a institución decidiu renovar tras a gran acollida da primeira edición.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria desta tempada do 2022, durante a que a Deputación ofrecerá un máximo de 3.036 prazas, repartidas en dous períodos: a primavera (de marzo a xuño), con 1.794 prazas, e o outono (de setembro a decembro), con 1.242 prazas.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explicou que Coñece a túa provincia “ten como obxectivo fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas para seguir contribuíndo á recuperación deste sector e tamén da hostalería e do comercio fronte ao impacto da pandemia, e, ao mesmo tempo, para seguir avanzando cara un modelo de turismo sostible e desestacionalizado, con capacidade para atraer visitantes ó longo do ano”.

Cada entidade interesada poderá presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; ou tamén nas oficinas de Correos.

As condicións das viaxes e os itinerarios dispoñibles son os mesmos que a primeira tempada do programa, aínda que as persoas interesadas teñen toda a información na páxina web da Deputación de Lugo (www.deputacionlugo.gal)

A viaxe concedida a cada entidade beneficiaria incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. “Todo, gratuíto para os participantes”, subliñou Pilar García Porto.

Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP.

A Deputada lembrou que o Coñece a túa Provincia “é unha das medidas que lanzamos dende a Deputación de Lugo no marco do Plan de Impulso da Economía da Provincia, e está destinada a incentivar o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector, da hostalería e do comercio local fronte ao impacto da pandemia”.

37 itinerarios a elixir

As asociacións poden elixir entre un total de 37 itinerarios polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo. Destes 37 itinerarios:

  • 8 son pola comarca da Mariña, que inclúen lugares naturais como o Fuciño do Porco, a Praia das Catedrais ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos ou a Catedral de Mondoñedo.
  • 10 rutas son pola Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Portomarín, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén se visitarán algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
  • 8 itinerarios pasan pola zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ó Camiño Francés na comarca de Sarria.
  • As 11 rutas restantes percorrerán as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas inclúen lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.

As viaxes do programa Coñece a túa  provincia terán lugar sempre cumprindo coas medidas de prevención da Covid-19 decretadas polas autoridades sanitarias en cada momento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16311693191528