Aris Villarino, o mago que quere levar a maxia máis alá do truco

Por Ana Somoza.
Aris Villarino descubriu a maxia aos 21 anos, despois de ver a Lennart Green no programa Luar a través de Luís de Matos. Pouco despois, o Mago Antón foi outra figura decisiva no seu percorrido e, segundo explica, “cambioume o paradigma completamente”. Para Villarino, a súa influencia foi determinante: “Detrás de Antón van todos os magos galegos. É como os parrulos cruzando a estrada”.
A súa curiosidade levouno a descubrir que a maxia vai moito máis alá das cartas, dos panos ou dos números nos que alguén é cortado pola metade. “Pode aplicarse a calquera cousa”, asegura. Tamén lle chamou especialmente a atención coñecer magos cegos ou sen brazos, exemplos que lle permitiron comprobar ata onde pode chegar esta disciplina.
ESTILO.
Encontrar unha identidade propia levou tempo. Como lle sucede a moitos artistas, nos primeiros momentos é habitual imitar os mestres e buscar neles unha referencia. Para Villarino, a dificultade estivo precisamente en deixar atrás esas influencias e conseguir ser el mesmo enriba do escenario.
Hoxe define a súa proposta de maneira clara: “Perversa. Perversa e irreverente”. Non se identifica coa imaxe clásica do mago elegante, vestido con smóking e cunha posta en escena máis tradicional. “Non son desa maxia elegante”, comenta con humor, antes de engadir: “Ata que aforre para comprar un smóking”.
Esa personalidade propia tamén se relaciona coa maneira na que entende os seus espectáculos. Non considera necesario que cada actuación teña que provocar unha transformación profunda no público. Ás veces abonda con conseguir que durante un tempo as persoas desconecten do que sucede fóra do escenario.
EMOCIÓN.
“Non todos os espectáculos teñen que cambiar vidas”, explica. Para el, se consegue cambiar os cincuenta minutos que dura unha actuación, xa é algo importante. Nalgúns casos, os espectadores cóntanlle que lles fixo esquecer un mal día, que os fixo rir ou que lles recordou aquela sensación da infancia cando vían un mago. “E aí non hai truco”, afirma.
A relación co público é fundamental para Villarino. Considera que a maxia é a única disciplina artística que non pode existir sen espectadores. Unha persoa pode escribir unha canción, pintar un cadro ou facer unha película para si mesma, pero non pode facer maxia para si porque coñece o segredo.
Por iso, mesmo cando acode pouca xente a unha actuación, intenta valorar o feito de que esas persoas lle estean entregando unha hora do seu tempo. Para el, esa confianza forma parte tamén do espectáculo.
INFANCIA.
Os nenos constitúen outro dos públicos cos que traballa habitualmente. Villarino considera que son máis difíciles que os adultos porque son esixentes e non teñen tantos filtros á hora de expresar o que pensan. Ao mesmo tempo, tamén os define como un público moi agradecido.
Unha parte da súa actividade está vinculada ás extraescolares de maxia que imparte en centros educativos da Mariña. Nelas, ademais de aprender diferentes técnicas, os alumnos descobren tamén a responsabilidade que implica coñecer un segredo. Ao rematar o curso, teñen a oportunidade de realizar unha actuación para amosar o aprendido.
Nese traballo fai súa unha reflexión do mago Kayto: “A maxia converte os adultos en nenos e deixa os nenos nese estado”. Esa capacidade para conservar a curiosidade e a ilusión é, para Villarino, unha das grandes virtudes da maxia.
Na actualidade prepara tamén un espectáculo para escolas e bibliotecas sobre o acoso escolar, un proxecto que quere abordar “sen filtros”. A proposta parte da preocupación polo odio e pola facilidade coa que a ignorancia pode ocupar o espazo que deixa libre o coñecemento.
NOVOS RETOS.
Entre os seus novos retos está a hipnose escénica. Villarino está formándose con Jeff Toussaint e explica que, aínda que existe unha relación coa maxia, neste caso se empregan técnicas psicolóxicas estudadas. A súa intención é seguir avanzando nese campo e experimentar coa hipnose cando xurda a ocasión.
Tamén prepara un novo truco destinado ao mercado dos propios magos, aínda que neste caso prefire manter o segredo sobre o seu funcionamento. Entre as súas referencias está Tom Mullica e a súa rutina Smoking Magic, que considera especial pola dedicación que hai detrás.
A lista de referentes de Villarino inclúe tamén Juan Tamariz, Lennart Green e Dani Daortiz, ademais do Mago Antón. De Tamariz asegura que “nunca lle poderei agradecer o suficiente”, mentres que sobre Antón recoñece que, se hoxe fai maxia e ademais lle gusta facela en galego, é en boa medida “culpa súa”.
A súa relación coa maxia vai máis alá dos escenarios. Define o gremio como unha especie de familia na que existe moita comunicación e pouco ego. Conta que ten a oportunidade de compartir mesas e cafés con magos de primeiro nivel e que nese ambiente se fala, se escoita e se axuda.
En Foz, con todo, considera que as posibilidades culturais teñen dificultades, especialmente durante o inverno. Sinala que localidades máis pequenas poden contar con máis actividade e destaca a disposición de establecementos como Yoglio, A Quilla Chiringuito ou Bico Praia para acoller propostas que permitan transformar algo tan habitual como “ir tomar algo” nunha experiencia.
Villarino tamén imaxina un espectáculo inspirado na súa contorna, aínda que o que prepara actualmente está máis centrado nas escolas e en cuestións como a cultura galega, a lingua e as pequenas cousas da vida.
E, cando pensa no futuro, tamén deixa espazo para o humor. Un dos seus obxectivos é acertar algún día un número da lotería, como Anthony Blake, pero facendo que esta vez si sexa o correcto. Mentres tanto, seguirá buscando novos escenarios e novas formas de conseguir que o público deixe fóra, polo menos durante uns minutos, todo o demais.