Aprobado o orzamento de Ribadeo para 2023 que ascende a máis de 10.600.000 euros

AMariñaXa
O orzamento do Concello ribadense para 2023 ascende a máis de 10.650.000 euros, un 8% máis que no exercicio anterior
concello ribadeo3
concello ribadeo3
30 nov 2022

Aprobado o orzamento do Concello ribadense para 2023 que ascende a máis de 10.600.000 euros. O concelleiro de Economía, Pablo Vizoso, subliña que son uns presupostos equilibrados, que non incorren en déficit e que reducen o nivel de débeda. 

O edil contou que “na tarde de onte celebrouse o pleno extraordinario no Concello de Ribadeo no que aprobamos os orzamentos para o vindeiro ano 2023. Trátase duns orzamentos que superan os 10.600.000 euros, que son equilibrados e non incorren en déficit, tal e como recolle o informe de intervención e experimentan un incremento da case o 8% con respecto ao exercicio actual, para manter e mellorar o elevado nivel de actividades e inversións no noso concello: dende reposición de rúas e camiños,  instalacións deportivas, actuacións en locais sociais, adquisición de terreos, apoio a asociacións de carácter cultural, deportivo ou asistencial, medidas e actividades de apoio ao comercio local e actuacións de protección social que benefician a todo o pobo de Ribadeo”.  

Vizoso Galdo dixo que “tamén inclúen a subida salarial do persoal público e outra vez máis unha aposta forte pola inversión, centrada agora na reforma integral do Hospital Asilo e nos terreos para o novo centro de saúde. Unha inversión á que se suman os proxectos que se están licitando nestas semanas para iniciar a súa execución dende primeiros do vindeiro ano, e tamén os convenios que se asinen con outras administracións”. 

O concelleiro de Economía subliñou que “outra característica destes orzamentos é que se consegue chegar a estas magnitudes sen subir os impostos e incluso reducindo o nivel da débeda do Concello, que se situará ao peche deste exercicio no 9,8% e que nada ten que ver coa existente hai algúns anos e que condicionaban o día a día”.  

Pablo Vizoso referiuse á postura do PP  no pleno celebrado onte: “por parte da oposición, concretamente a concelleira do PP, dedicou a súa intervención a criticarnos por que para a reforma do Hospital Asilo necesitábamos acudir a un crédito en vez de empregar outras fontes de financiamento como poden ser os fondos Next Generation”.  

Para o edil ribadense “esta forma de proceder dos representantes do PP non resulta aceptable, ademais de demostrar que non teñen claro do que falan e que o seu obxectivo é enredar en enganar aos veciños de Ribadeo, hai que deixar claro que o Concello non solicitou a subvención á que se refire o Partido Popular por que non cubría nin a terceira parte da inversión necesaria senón que acudiu e solicitou outra axuda con cargo aos fondos Next Generation a través do plan Pirep estatal (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos) que sí pode chegar ao 100 % do custe da obra que hai que acometer”. 

Vizoso Galdo explicou que “neste punto tamén aproveitamos para lembrarlle aos representantes do PP que a quén se bota de menos neste asunto é a Xunta, que unha vez máis está desaparecida e nin resposta aos requirimentos do Concello; e que se trata de competencias autonómicas, tanto a de asistencia social como a de asistencia sanitaria e, polo tanto, debería ser a Xunta a que financiase a reforma integral do Hospital Asilo. Mentres tanto, ou si finalmente a achega da Xunta non se produce, por parte do Concello de Ribadeo e dende xa realizamos a consignación económica necesaria”. 

O concelleiro de Economía engadiu: “en realidade é unha magoa por que si dende a administración autonómica se aportasen fondos para este fin ou se increméntase o que aportan ao Fondo de Cooperación Local, que leva conxelado dende o 2010,  poderíanse dedicar máis recursos para investir noutros ámbitos”.