Anuncian en Ribadeo un plan de case 20 millóns para mellorar os camiños rurais galegos

AMariñaXa
Nesta localidade melloráronse e ensancháronse varios camiños da parroquia de Arante, máis concretamente nos lugares de Remourelle e Fornos
conselleira-medio-rural-ribadeo
19 Out 2024

A Consellería do Medio Rural afondará no seu compromiso co territorio a través do Plan Camiña Rural, un programa plurianual (2025- 2026) de case 20 millóns de euros financiado integramente con fondos propios, centrado na mellora das vías rurais dos 313 concellos galegos. Ademais, seguirase apostando polos procesos de mobilización de terra agraria, a través de ferramentas como as concentracións e reestruturacións parcelarias parcelarias ou os instrumentos contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, con outros 20 millóns de euros.

Estas son dúas das liñas dos orzamentos de 2025 anunciadas pola titular do departamento, María José Gómez, nunha visita ao concello lucense de Ribadeo, onde coñeceu algunhas actuacións de mellora de camiños levadas a cabo a través do Plan Marco, predecesor do Plan Camiña Rural. Nesta localidade melloráronse e ensancháronse varios camiños da parroquia de Arante, máis concretamente nos lugares de Remourelle e Fornos, a través dun investimento de 68.000 euros dentro da convocatoria 2024-2025 do Plan Marco.

Alí, avanzou algún dos eixos principais dos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o próximo ano, que crece un 3,53 %, pasando de algo máis de 677 millóns de euros en 2024 a un total de 701 millóns de euros para consolidar as liñas de traballo xa iniciadas e asentar as prioridades do futuro. Con respecto ao Plan Camiña Rural, ten como obxectivo mellorar as vías rurais galegas co fin de acadar un rural vertebrado que facilite os traballos agrícolas, diminúa os custes de produción e conecte á veciñanza. Dende o ano 2016, actuouse en máis de 6.000 camiños municipais e en máis de 4.700 quilómetros de vías ao abeiro do Plan Marco.

Neste sentido, e poñendo de relevo o compromiso co territorio marcado para o 2025, María José Gómez anunciou que se seguirá apostando por ferramentas como os pasteiros, cunha inversión de case 3,7 millóns de euros. A previsión é levar a cabo 24 pasteiros en toda Galicia, un deles na zona da Mariña lucense, no concello de Xove, que permitirán ampliar a base territorial das explotacións e ser barreira natural contra os incendios forestais. Dentro do apoio ao monte diversificado, continuarase a incentivar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta e facilitarase a súa constitución, sen necesidade de ceder base territorial.

A maiores, investiranse 15 millóns de euros en axudas para as plantacións de coníferas e frondosas, incidindo na silvicultura produtiva e adaptativa para axudar a mellorar a xestión forestal, o que repercutirá na “madeira de calidade que
demanda o sector e facernos máis profesionais”. A conselleira destacou tamén o compromiso da Consellería co Servizo de prevención de incendios forestais, que verá melloradas as súas condicións laborais e a súa estabilidade. Neste 2025 os traballadores temporais -ao redor dun terzo do servizo- traballarán xa ao longo de oito meses, un máis que en 2024, o que implica tamén un esforzo orzamentario total, entre persoal funcionario e laboral, de 8,8 millóns de euros.

0.27007508277893