Amplíase durante todo o verán o horario de uso da pista de atletismo da Veiga, en Cervo

O Concello de Cervo ampliou desde este mércores, 15 de xullo, o horario de reserva da pista de atletismo do complexo deportivo da Veiga para facilitar o uso da instalación durante toda a tempada estival.
A pista estará dispoñible todos os días da semana, de luns a domingo, entre as 08.00 e as 21.00 horas. Esta ampliación é posible debido a que durante os meses de verán non se celebran competicións oficiais nin adestramentos regulares no recinto.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, explicou que esta medida permitirá ofrecer ás persoas usuarias unha maior dispoñibilidade da instalación deportiva.
Unha das principais novidades é que a pista poderá reservarse tamén durante as fins de semana, algo que non era posible durante a tempada de inverno pola celebración de competicións oficiais no complexo deportivo.
O Concello sinala que só quedarán bloqueadas aquelas datas e horarios nos que estean previstos eventos deportivos puntuais ou competicións. Entre estes casos atópase a Carreira Maruxaina, que terá lugar este sábado e para a que a pista permanecerá reservada.
As persoas interesadas en utilizar a instalación deberán realizar a reserva a través do apartado “Reservas de Espazos Deportivos” da páxina web do Concello de Cervo, onde poderán escoller a franxa horaria dispoñible.
Para acceder á pista é necesario estar federado ou federada. Tras completar a reserva mediante a plataforma, as persoas usuarias deberán recoller a chave de acceso na piscina municipal.
Desde o Concello lembran que o sistema de reserva telemática permite unha mellor organización das instalacións deportivas municipais e facilita un acceso máis rápido e cómodo ao servizo.