Alfoz investirá 59.000 euros en mellorar a Casa da Cultura e o aparcadoiro da Pinguela

A Casa da Cultura de Alfoz e o aparcadoiro situado xunto á antiga escola da Pinguela serán obxecto de melloras cun investimento conxunto próximo aos 59.000 euros. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Alfoz do Castrodouro para financiar ambas as intervencións.
A maior parte dos fondos, 37.266,43 euros, destinarase á renovación da fachada da Casa da Cultura, situada no núcleo da Seara, na parroquia de San Pedro de Mor. Os traballos centraranse na segunda planta, onde se atopa a biblioteca municipal, cuxo peche exterior presenta deficiencias que incrementan o consumo de calefacción e climatización, especialmente durante os meses fríos.
Para mellorar o illamento térmico, substituirase a fachada actual por unha nova estrutura con carpintería de aluminio e acristalamento con control solar e cámara de aire. O prazo de execución previsto será dun ano desde a licitación e adxudicación das obras.
Os 21.462,20 euros restantes empregaranse para acondicionar o aparcamento situado na parte posterior da antiga escola da Pinguela, na parroquia da Lagoa. O espazo, que tamén se utiliza durante as celebracións e actividades organizadas pola asociación veciñal, carece actualmente das condicións adecuadas para o estacionamento.
A intervención incluirá a preparación do terreo, a colocación dunha base de saburra artificial e a pavimentación con formigón, tanto na zona de aparcamento como na rampla de acceso. A finalidade é facilitar os desprazamentos ata o local, especialmente para as persoas maiores e aquelas con mobilidade reducida. O prazo de execución tamén será dun ano unha vez adxudicados os traballos.