Alfoz impulsa novas melloras na rede viaria municipal cun investimento próximo aos 500.000 euros

O Concello de Alfoz vén de sacar a licitación un amplo proxecto de mellora da rede viaria municipal que permitirá actuar en numerosos camiños e accesos repartidos por distintas parroquias do municipio. A iniciativa, financiada ao abeiro do Plan de Cooperación cos concellos da Deputación e mediante un convenio coa institución provincial, conta cun orzamento conxunto de 497.816 euros.
Os traballos dividiranse en tres lotes diferenciados e inclúen actuacións de pavimentación e acondicionamento en máis de trinta localizacións, co obxectivo de mellorar o estado das comunicacións municipais e facilitar os desprazamentos da veciñanza.
O primeiro dos lotes contempla actuacións en vías situadas nas parroquias de Adelán, Carballido, O Castro, Lagoa e Mor. O investimento previsto ascende a 93.158 euros e o prazo estimado de execución será de cinco meses. Entre as zonas nas que se intervirá figuran lugares como Castelo de Castrodouro, Gorvidal, Beloi, Machuco, A Rega ou Vilaúde, entre outros puntos do municipio.
O segundo lote será o de maior contía económica, cun presuposto de 233.060 euros e un período de execución previsto de seis meses. Neste apartado están programadas ata dezaseis actuacións en diferentes camiños e accesos municipais. As obras afectarán a espazos como o circuíto de motocross, Insua Nova, A Agueira ou O Liñar, así como a vías de comunicación entre núcleos, entre elas o camiño que conecta Ferradás con Faián.
No terceiro lote recóllense doce actuacións repartidas entre as parroquias de Adelán, Bacoi, Lagoa, O Pereiro e Mor. Neste caso, o importe destinado ás obras será de 171.598 euros e tamén se establece un prazo de seis meses para completar os traballos. As melloras chegarán a lugares como A Caxigueira, A Arnela, O Chao, Camariña, Correlos ou A Pinguela.
Desde o Concello destacan que estas actuacións permitirán continuar avanzando na conservación e mellora das infraestruturas municipais, especialmente nas zonas rurais, onde os camiños teñen unha grande importancia para a mobilidade diaria e para a actividade agrícola e gandeira.
As empresas interesadas en optar á execución destas obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 2 de xuño.