Alfoz e O Valadouro volverán unirse a través do deporte coa quinta edición da súa Carreira Popular

AMariñaXa
A xornada incluirá unha andaina, a proba absoluta entre os dous municipios e carreiras para as categorías menores, con inscricións abertas ata o 1 de outubro
Presentación-V-Carreira-Popular-Alfoz-Valadouro
25 Sep 2026

Alfoz e O Valadouro volverán compartir unha xornada de deporte e convivencia o sábado 3 de outubro coa celebración da quinta edición da Carreira Popular Alfoz-Valadouro, unha cita que continúa medrando e consolidándose no calendario deportivo dos dous municipios.

A proba foi presentada coa participación do xefe do Servizo Provincial de Deportes do Goberno autonómico en Lugo, Manolo Cadramón; o deputado provincial de Mocidade, Daniel García; a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda; o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela; e os concelleiros de Deportes de ambos os municipios, Eliseo Lorenzo e Senén A. Castro.

A programación arrancará ás 10.00 horas cunha andaina popular de 6,6 quilómetros. Media hora máis tarde, ás 10.30 horas, tomarán a saída os participantes na carreira absoluta. Ambas as probas partirán do pavillón municipal de Alfoz e percorrerán a mesma distancia, mentres que a carreira terá situada a meta no pavillón municipal do Valadouro.

Deste xeito, a cita deportiva volverá conectar fisicamente os dous concellos a través dun percorrido que pretende ir máis alá da propia competición e reforzar a relación entre ambos os municipios.

"Chegar á quinta edición demostra que esta carreira se foi consolidando como unha cita deportiva dos dous concellos", destacou Efigenia Maseda. A alcaldesa de Alfoz incidiu en que a iniciativa permite "unir Alfoz e O Valadouro a través do deporte, fomentar hábitos de vida saudables e dar a coñecer o noso territorio".

Pola súa banda, José Manuel Lamela puxo o acento na cooperación institucional necesaria para manter a convocatoria. O alcalde do Valadouro destacou "a colaboración entre os dous concellos para sacar adiante iniciativas compartidas que benefician á veciñanza" e mostrou o seu desexo de que a carreira "continúe medrando ano tras ano".

PROBAS PARA OS MÁIS NOVOS

A actividade non rematará coa chegada da carreira absoluta. A partir das 11.30 horas, O Valadouro converterase no escenario das probas destinadas ás categorías menores, con percorridos adaptados ás diferentes idades.

As distancias irán desde os 200 metros para os participantes máis pequenos ata os 1.750 metros das categorías Sub14 e Sub16, permitindo incorporar á xornada deportiva nenos e mozos de distintas idades.

A organización habilitará ademais un servizo de autobuses entre O Valadouro e Alfoz co obxectivo de facilitar os desprazamentos dos corredores e participantes entre o punto de saída e a chegada.

As inscricións permanecerán abertas ata o 1 de outubro e serán gratuítas para as categorías menores. Ademais, as primeiras 200 persoas que formalicen a súa participación recibirán unha camiseta conmemorativa desta quinta edición.

Desde os concellos de Alfoz e O Valadouro agradeceron a colaboración do Goberno autonómico e da Deputación de Lugo, así como o traballo das persoas e entidades implicadas na organización.

Ambas as administracións locais animan á veciñanza da comarca a participar nunha convocatoria que chega á súa quinta edición coa intención de manter a súa dobre vertente: promover a actividade física e reforzar os vínculos entre dous municipios veciños a través dunha xornada compartida.

PROGRAMACIÓN

 

 

0.14226698875427