Alfoz destina máis de 181.000 euros á mellora de dez camiños municipais

As obras abranguen máis de 5,6 quilómetros de vías en seis parroquias e inclúen reparacións dos firmes e melloras na drenaxe
ALFOZ obras
24 Oct 2026

O Concello de Alfoz inicia as obras de acondicionamento de dez camiños municipais cun investimento total de 181.437,91 euros. As intervencións permitirán actuar sobre máis de 5,6 quilómetros da rede viaria local, distribuídos en seis parroquias, co obxectivo de mellorar os desprazamentos e os accesos aos núcleos de poboación.

Os traballos distribúense en dous proxectos financiados a través de programas de cooperación e mellora de camiños rurais. O primeiro, incluído no Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, conta cun orzamento de 97.621,06 euros e contempla actuacións en sete camiños das parroquias de Adelán, Carballido, O Castrodouro e Lagoa. En conxunto, estas vías suman aproximadamente 2,6 quilómetros.

A segunda intervención enmárcase no Plan de Mellora de Camiños Rurais 2026-2027 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e foi adxudicada por 83.816,85 euros. Desta cantidade, 67.444 euros proceden de Agader e os 16.372,85 euros restantes son achegados polo Concello con fondos propios.

Este proxecto permitirá acondicionar tres camiños que suman máis de tres quilómetros e mellorar os accesos aos núcleos da Rega, O Vilar, Rolle, Correlos e O Barral, nas parroquias de Carballido, Bacoi e Mor.

Reparación dos firmes e mellora da drenaxe

As actuacións inclúen a reparación das zonas deterioradas dos firmes e a mellora das condicións de drenaxe, adaptando os traballos ás necesidades de cada vía. O propósito é facilitar a circulación diaria, reforzar a seguridade e mellorar os accesos ás vivendas e ás parcelas agrícolas e forestais.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, sinalou que a conservación dos camiños municipais é unha das prioridades do goberno local, ao tratarse de infraestruturas utilizadas a diario pola veciñanza e necesarias para manter as comunicacións entre os distintos núcleos.

A rexedora tamén recoñeceu que quedan necesidades por atender e apuntou que o Concello continuará traballando para estender progresivamente as melloras ás distintas parroquias.

Maseda destacou, ademais, a colaboración entre administracións para financiar as obras, ao combinar achegas doutras entidades públicas cos recursos propios municipais. Segundo o goberno local, as intervencións contribuirán ao mantemento da rede viaria e á mellora da mobilidade no rural.

0.1487340927124