Alfoz despide a tempada da piscina municipal cunha festa para toda a familia

O Concello de Alfoz despedirá este domingo, 30 de agosto, a tempada estival da piscina municipal cunha festa especialmente orientada ás familias e ao público infantil. A iniciativa busca poñer o broche ao verán cunha xornada de convivencia e diversión nas instalacións.
A programación incluirá música e un castelo inchable para os máis pequenos. O obxectivo é crear un ambiente festivo no que a veciñanza e as persoas usuarias da piscina poidan compartir unha xornada de lecer antes do peche da tempada.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, anima á cidadanía a participar e destaca o carácter familiar da celebración. "Queremos despedir esta tempada cunha xornada agradable, de convivencia e diversión, especialmente para os nenos e nenas, que son dos que máis desfrutan da piscina durante o verán", sinala.
A festa celebrarase un día antes do peche das instalacións, xa que a piscina municipal continuará aberta ata o luns 31 de agosto. Segundo explica Maseda, a elección do domingo pretende facilitar a asistencia das familias.
"Aínda que a piscina municipal permanecerá aberta ata o 31 de agosto, decidimos celebrar a festa de clausura o domingo 30 para facilitar que as familias poidan participar e compartir este momento, ao tratarse dun día festivo e no que resulta máis doado desfrutar xuntos das actividades", explica a rexedora.
O Concello convida así a veciñanza e ás persoas usuarias das instalacións a participar nunha celebración coa que Alfoz porá o peche festivo á tempada de verán da piscina municipal.