Alfoz abre as inscricións para as actividades deportivas municipais de 2026

O Concello de Alfoz abre este martes, 15 de setembro, o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades deportivas municipais de 2026. A oferta inclúe ximnasia de mantemento, ioga, aeróbic, pilates e pádel, con diferentes horarios e espazos para facilitar a participación da veciñanza.
As solicitudes poderán formalizarse ata o 22 de setembro, tanto a través da sede electrónica como presencialmente na oficina de rexistro do Concello. As actividades contan con prazas limitadas.
A ximnasia de mantemento desenvolverase os martes e xoves, de 18.30 a 19.30 horas, no Pavillón Municipal. Neste mesmo espazo impartiranse as clases de aeróbic, tamén os martes e xoves, neste caso de 19.30 a 20.30 horas.
A Escola de Nenos de Adelán concentrará as propostas de ioga e pilates. As sesións de ioga serán os luns e mércores, de 19.30 a 20.30 horas, mentres que para pilates se establecen dous horarios: os luns de 18.30 a 19.30 e os mércores de 20.30 a 21.30 horas. Nesta última actividade será posible escoller entre asistir un ou dous días á semana.
O programa complétase co pádel, que se practicará os sábados pola tarde con dous niveis e dous turnos para cada un. A iniciación terá lugar de 16.00 a 17.00 e de 19.00 a 20.00 horas, mentres que o perfeccionamento se desenvolverá de 17.00 a 18.00 e de 18.00 a 19.00 horas.
Con esta programación, Alfoz pon a disposición da veciñanza diferentes alternativas para retomar ou manter a práctica deportiva, desde propostas centradas no exercicio físico e o benestar ata modalidades como o pádel.