Alfoz abre as inscricións para a terceira edición do seu torneo de pádel

A competición disputarase entre os días 9 e 12 de xullo e contará con categorías local, open e feminina
Pista-de-Pádel-municipal-Alfoz
14 Jun 2026

As instalacións de pádel de Alfoz volverán ser o escenario dunha nova cita deportiva este verán coa celebración da terceira edición do Torneo de Pádel, unha competición que se desenvolverá entre os días 9 e 12 de xullo e que xa ten aberto o prazo de inscrición para os participantes.

O evento está organizado polo colectivo Os Fandangueiros coa colaboración do Concello de Alfoz e prevé reunir a xogadores e xogadoras de diferentes niveis nun torneo que, edición tras edición, continúa consolidándose dentro da programación deportiva do municipio.

A competición contará inicialmente con categorías local, open e feminina, aínda que a organización informa de que estas poderán sufrir modificacións en función do número de parellas inscritas. O obxectivo é adaptar o desenvolvemento do torneo á demanda existente e garantir unha competición equilibrada.

As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o 5 de xullo. O custo será de 20 euros por persoa para unha categoría, mentres que quen decida competir en dúas ou máis modalidades abonará 10 euros adicionais por cada unha delas. Ademais, as prazas serán limitadas.

Os participantes recibirán un agasallo de benvida coa inscrición e disporán de avituallamento e servizo de snack durante o desenvolvemento da competición. Tamén haberá premios para as parellas campioas e finalistas de cada categoría.

Desde a organización destacan que o torneo contará con vestiarios con duchas para os deportistas e cun servizo de barra e pinchos destinado aos asistentes, co propósito de converter o evento nun punto de encontro para os afeccionados ao deporte e para o público que se achegue ás instalacións durante os días de competición.

0.1224479675293