Adxudicado o retranqueo do paseo de Arealonga, en Fazouro, por 274.089 euros

Foz
AMariñaXa
A actuación permitirá crear unha senda de 431 metros tras os danos provocados polos temporais de 2024 e conectará o Castro de Fazouro co paseo cara a Nois
alcalde-foz-conselleira-turismo-retranqueo-arealonga-fazouro
26 Sep 2026

A Dirección Xeral da Costa e o Mar adxudicou á empresa Vipeca Obras y Servicios, SL o contrato para executar o retranqueo do paseo de Arealonga, en Fazouro, por un importe de 274.089 euros.

O investimento contará cunha anualidade de 124.625 euros en 2026, mentres que os 139.464 euros restantes están consignados para o exercicio 2027.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explicou que o proxecto contempla a construción dunha senda de formigón de 2,5 metros de ancho e 431 metros de lonxitude, cunha tipoloxía similar á do paseo existente entre as praias de Peizás e A Pampillosa, co obxectivo de facilitar tamén o seu mantemento.

A nova infraestrutura aproveitará viais existentes e permitirá recuperar un itinerario peonil seguro despois da ruína do antigo paseo no lado de Fazouro, provocada polos temporais de marzo de 2024. A senda conectará o Castro de Fazouro co paseo en dirección a Nois, empregando dúas pontes xa existentes sobre a vía do tren.

Cajoto agradeceu o investimento e destacou que a actuación permitirá dispoñer dunha alternativa segura para os desprazamentos a pé nesta zona do municipio.

Paralelamente, o Concello de Foz está a realizar os trámites necesarios para facilitar que a Dirección Xeral da Costa e o Mar poida executar tamén o retranqueo do paseo en Cangas de Foz, actualmente cortado debido aos desprendementos.

O alcalde lembrou que o pleno ordinario de xullo aprobou o proxecto e acordou iniciar os trámites para abrir un expediente de expropiación dos terreos necesarios. O Concello prevé levar a súa aprobación ao pleno nas próximas semanas. “Os veciños de Cangas levan demasiado tempo camiñando polo arcén da nacional, co risco que iso supón”, sinalou Cajoto.

0.16606903076172