Abre o prazo para solicitar as axudas a entidades deportivas da Deputación
O prazo para solicitar as axudas de concorrencia competitiva para os clubs e entidades deportivas da provincia, abriuse este sábado coa publicación das bases no BOP, neste ano as axudas suman un total de 500.000 euros. Os clubs teñen ata vindeiro 18 de marzo e, ao tratarse de axudas de concorrencia competitiva, poden solicitalas todos os interesados. Toda a información e requisitos, así como a documentación necesaria atópase na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal.
Este ano aumentou a suma das axudas ata acadar o medio millón de euros, divididos entre os 415.000 euros para axudar aos clubs a sufragar os gastos derivados da actividade competitiva da temporada, e 85.000 para a organización de eventos deportivos nos concellos da provincia.
O importe mínimo das axudas á actividade competitiva será de 300 euros e o máximo de 4.000, mentres que na liña de axudas á organización de eventos a cantidade mínima a percibir será de 300 euros e a máxima de 2.000 euros.
Tamén saen publicadas no BOP as bases para as axudas de concorrencia non competitiva destinadas aos clubs deportivos da provincia de Primeira e Segunda división Nacional, e non constituídos como SAD. Estes equipos son o Durán Maquinaria Ensino, o Pescados Rubén Burela Fútbol Sala, o Peluquería Mixta Friol e o Club Voleibol Emevé.