Aberto o prazo para adquirir parcelas no parque empresarial Ribadeo Industrial

AMariñaXa
A subdelegada do Goberno destaca a oportunidade para impulsar proxectos industriais e dinamizar a economía local
poligono-industrial-Ribadeo
Actualizada el 9 abril 2026, 09:57 horas
29 Nov -0001

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, puxo en valor a apertura do prazo de presentación de ofertas para a adquisición de parcelas no parque empresarial Ribadeo Industrial, promovido a través de CASA47, como “unha mostra clara do compromiso do Goberno coa dinamización económica da provincia e co impulso do tecido produtivo”.

A subdelegada destacou que esta iniciativa responde á vontade do Goberno de “facilitar solo industrial de calidade, ben conectado e accesible para favorecer a implantación de novas empresas e consolidar proxectos xa existentes”. Subliñou tamén a importancia de apoiar concellos como o de Ribadeo, “que contan cunha posición estratéxica na Mariña e unhas excelentes conexións que os converten en espazos idóneos para atraer investimento”.

Olimpia López incidiu en que o Goberno traballa para “equilibrar territorialmente o desenvolvemento económico, apostando por áreas con gran potencial como A Mariña, onde o impulso ao empresariado local e a chegada de novas iniciativas poden xerar emprego e fixar poboación”. Ademais, animou ás persoas emprendedoras e ás empresas a participar neste proceso, “aproveitando unha oportunidade única para desenvolver proxectos industriais”.

O proceso, xestionado por CASA47, contempla a venda mediante procedemento aberto por concurso de 37 parcelas de uso industrial situadas na actuación Ribadeo Industrial. Estas parcelas suman unha superficie total de máis de 94.500 metros cadrados, cunha ampla variedade de tamaños que permiten adaptarse a diferentes necesidades empresariais. Os prezos base de licitación sitúanse nun rango entre 45.000 e 233.000 euros, en función da dimensión e características das parcelas.

O parque empresarial Ribadeo Industrial conta con 37 parcelas, das que 35 son de tipoloxía illada e 2 adosadas, con superficies que van desde arredor de 950 m² ata máis de 5.500 m². O espazo sitúase nunha localización estratéxica, con fachada á Autovía do Cantábrico (A-8) e conexión directa co porto comercial de Ribadeo, facilitando a loxística e o transporte de mercadorías.

A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto por concurso, e o prazo para presentar ofertas permanecerá aberto ata as 13:00 horas do 28 de abril de 2026. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral de CASA47, en Madrid.

0.10143089294434