Aberta a inscrición para participar na XXXIV San Silvestre de Ribadeo

AMariñaXa
Unha cita para pequenos e adultos no último día deste ano 2024
Cartel-San-Silvestre-2024
15 Nov 2024

Ata o 26 de decembro estará aberta a inscrición para participar na XXXIV San Silvestre de Ribadeo, que foi presentada polo alcalde, Dani Vega, pola concelleira de Seguridade, Montse Seijo, polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e polo técnico de Deportes, Iván Rodríguez.

O edil ribadense contou: “Hoxe ábrense as inscricións para participar na trixésimo cuarta San Silvestre, que terá lugar en Ribadeo o último día do ano. As persoas que queiran participar poden anotarse ata o 26 de decembro en neste ligazón”.

Silvent explicou: “A saída da mini San Silvestre, para nenas e nenos menores de 4 anos, terá lugar ás cinco menos vinte da tarde; a saída para os pícaros de 4 a 7 anos será ás cinco menos cuarto. A milla para rapazas e rapaces de 8 a 11 anos está prevista para as cinco menos dez. E a San Silvestre, cun percorrido de 5.000 metros, dará comezo ás cinco da tarde”.

O concelleiro de Deportes indicou que “haberá premios en metálico e trofeos para os 3 primeiros clasificados absolutos feminino e masculino e para os 3 primeiros ribadenses homes e mulleres. Os tres primeiros clasificados nas outras categorías recibirán medallas e trofeos a gañadora e o gañador das mini San Silvestre e da Milla. E tamén haberá trofeo para os participantes de maior idade que rematen a súa carreira, masculino e feminino”.

Silvent animou a participar nesta tradicional cita: “Desde a Concellería de Deportes animamos a pequenos e adultos a participar nesta nova edición da San Silvestre e agradecemos a colaboración de Gadis e Eroski, que estarán apoiando ás corredoras e corredores”.

0.14559817314148