A Xunta licita a redacción do proxecto da variante leste de Viveiro cun investimento de 391.000 euros

AMariñaXa
As empresas poderán presentar ofertas ata o 16 de xullo e prevese iniciar a redacción este ano cun prazo de execución de cinco meses
Variante-Viveiro-licitacion-2026
11 Jun 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia vén de publicar a licitación do contrato de servizos para a redacción do proxecto construtivo da variante leste de Viveiro, cun investimento que supera os 391.000 euros.

O delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, Alfonso Villares, explicou que a previsión é que a elaboración do documento técnico poida iniciarse no último trimestre do ano. As empresas interesadas dispoñen ata o 16 de xullo para presentar as súas ofertas, e o prazo máximo de execución fixado é de cinco meses.

Segundo destacou, o Goberno autonómico pretende axilizar esta actuación estratéxica aproveitando a tramitación paralela do estudo informativo e ambiental, que se atopa actualmente en fase de alegacións ata o vindeiro día 15. Neste sentido, subliñou que ambos procedementos son compatibles e que o proxecto construtivo desenvolverá as conclusións dese estudo previo.

A futura variante recollerá a solución técnica necesaria para conectar a vía de alta capacidade Costa Norte coas estradas LU-540 e LU-862, permitindo salvar a ría e desviar o tráfico do núcleo urbano de Viveiro.

O trazado previsto será de 6,2 quilómetros, cun percorrido que irá desde a glorieta de enlace coa LU-540, no inicio da travesía da localidade, ata a glorieta que dá continuidade ao corredor entre Celeiro e San Cibrao. O investimento global estimado para a execución da obra roldará os 40 millóns de euros, financiados integramente con fondos autonómicos.

O delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo lembrou que esta alternativa foi concibida como a opción con menor impacto ambiental, co obxectivo de mellorar a vertebración das comunicacións nunha contorna de alto valor natural e reducir de maneira significativa o tráfico tanto na zona urbana como no treito periurbano cara a Celeiro.

0.11879920959473